DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Juan Ramón Fernández ofreceu unha conferencia en Dereito

A prevención, o mellor antídoto contra a corrupción na contratación pública

Alumnado do centro visitou a cárcere e o centro de menores

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Democracia
  • Visitas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 08/05/2019

O Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública, con sede na Facultade de Dereito do campus de Ourense, organizou este mércores unha conferencia na que Juan Ramón Fernández, catedrático de Dereito Administrativo da Universidad Complutense de Madrid, falou da prevención como o mellor antídoto contra a corrupción na contratación pública e expuxo as principais ferramentas que teñen as e os cidadáns para protexer os seus dereitos á hora de participar nunha licitación.

Segundo explicou Roberto Bustillo, director da entidade organizadora e profesor da Facultade de Dereito, a iniciativa enmárcase na programación que organiza o Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública, creado en 2017 grazas a un convenio entre a Fundación Alfonso Martín Escudero e a Universidade de Vigo. Con sede no campus e o apoio da institución académica, este órgano ten como obxectivos crear, impulsar e difundir coñecemento sobre aspectos xurídicos e metaxurídicos relacionados co fenómeno da corrupción do poder público. Nesta liña de actuación, indicou Bustillo, para falar de corrupción na contratación pública, foi convidado ao campus de Ourense Fernández Torres, avogado en exercicio e “un dos xuristas do seu ámbito máis potente da súa xeración”, referente en temas de control do poder público, segundo apuntou o director do observatorio na presentación da conferencia.

Evitar a peor solución

Na súa intervención, comentou Juan Ramón Fernández, tratou de realizar “unha exposición sobre cales son os medios a disposición dos cidadáns para previr esa corrupción que tantas veces se produce no ámbito da contratación pública”. Neste senso, o experto salientou a importancia de que todos os chamados operadores xurídicos, desde funcionarios e empresas ata avogados, coñezan “cal é o marco xurídico no que nos movemos e cales son os riscos e incertezas que se poden xerar cando un participa nunha licitación pública, para que saiban a que aterse”. O xurista recalcou a importancia da “acción preventiva” xa que, subliñou, “o problema en materia de contratos, como en tantos outros, é que moitas veces búscase unha solución xa con feitos consumados”. Fronte a esta realidade, apuntou como o desexable “é resolver previamente eses problemas, antes de que sexan irreversibles” xa que, recalcou o catedrático, “iso vai en interese dos cidadáns que desexan participar en licitacións pero tamén da propia administración, porque á administración o que lle ten que preocupar é que os contratos que licite sexan contratos que se adxudiquen ben e se cumpran a satisfacción e que os problemas que poidan xurdir se poidan solucionar en termos razoables”. Así, recalcou Juan Ramón Fernández, “non hai peor solucións que unha licitación pública mal feita que provoque litixios que dean lugar a anulacións e reclamacións”.   

Entre as ferramentas que hai para evitar chegar a este escenario apuntou o avogado como están as ferramentas xurídicas que proporciona a propia lei, como as prohibicións de contratar coa administración de certos suxeitos ata os mecanismos procedementais e xudiciais para que os cidadáns poidan facer fronte ou parar unha determinada decisión que non é conforme ao dereito. Neste marco apuntou Fernández Torres as dificultades que está producindo a nova lei de contratos do sector público, da que indicou que “é moi complicada e non está moi ben feita”, apuntando como introduce moitas novidades pero xera “moitos interrogantes” e “incrementa extraordinariamente a carga de traballo que teñen que asumir os funcionarios á hora de preparar un expediente de contratación”. “España é un país moi pendular, no que se pasa da lasitude ao rigor extremo e o rigor extremo leva neste caso a que os funcionarios teñan que cumprir moitísimos trámites que supoñen un reto de procedemento”.  

Entre os outros potenciais medios que ten o cidadán fronte a corrupción na contratación pública o xurista citou tamén a figura de orixe anglosaxón compliance e a posibilidade de empregar ferramentas tecnolóxicas de última xeración como a cadea de bloques, “que podería servir para tramitar certo tipo de procedementos de contratación”. Trátase, apuntou, de que “as propias empresas introduzan mecanismos para previr elas mesmas que se metan en problemas cando participan nunha licitación pública”.

Visita de alumnado a Pereiro de Aguiar

 

Alén desta conferencia, a actividade da Facultade de Dereito incluíu este martes pola tarde a visita de 26 alumnas e alumnos ao Centro de Menores Monteledo e á Prisión de Pereiro de Aguiar. O obxectivo da iniciativa, que se celebra anualmente, foi que os estudantes, que realizan as materias de Dereito Penal e Procesual de Menores e Criminoloxía e Dereito Penitenciario, puidesen contrastar os coñecementos adquiridos nas materias coa súa aplicación na realidade. Así, durante a súa visita contaron coas explicacións dos responsable destes centros, que atenderon as súas consultas e resolveron as súas dúbidas, e co apoio do profesorado da Facultade de Dereito  Ángela Coello e Manuel Arias.