DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Froito dun convenio entre a Universidade e os concellos de Monterrei e Oímbra

A primeira intervención arqueolóxica no Castelo de Lobarzán será en xullo

A ocupación do lugar abrangue desde a Idade de Bronce ata a Idade Media

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 21/06/2019

A segunda semana de xullo, o día 8, arrancará a intervención arqueolóxica no Castelo de Lobarzán ou Castro das Laxes das Chás. Con ela, un equipo liderado por Beatriz Comendador, arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo, iniciará un proxecto que durante catro anos terá como obxectivo “comprender mellor e dar a coñecer este conxunto arqueolóxico de primeira magnitude que nunha antes foi escavado”.

A iniciativa nace ao abeiro dun convenio de colaboración asinado o pasado mes de abril entre a Universidade de Vigo e os concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei, onde se ubica o xacemento, para a realización de diversas actividades de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica da área arqueolóxica do Castelo de Lobarzán e a súa contorna. O proxecto conta para a súa realización cunha subvención Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia (GDR O9 Asociación Monteval), sendo o orzamento total de 46.222 euros concedido a ambos concellos.

Un enclave “único”

Este castelo, indica Beatriz Comendador, “é un enclave único no Támega, cunha unión de valores a protexer”, recalcando a súa riqueza como espazo histórico pero tamén natural, tanto botánico como xeolóxico. “Atopámonos neste lugar cun poboado fortificado en altura cuxa excepcionalidade consiste na súa ocupación prolongada no tempo, con evidencias de ocupación desde a prehistoria ata a Idade Media: desde un lugar de asentamento calcolítico ata o castelo medieval (séculos X- XV)”, sinala. Esta continuidade, detalla a historiadora, está directamente vinculada á súa morfoloxía e, sobre todo, á súa situación pois, indica, “trátase dun esporón constituído por varios outeiros que se establece como unha divisoria natural entre a penechaira e as terras baixas dos vales do Búbal e Támega. É, xa que logo, un contexto privilexiado no referente ás súas condicións defensivas e ao seu amplísimo dominio visual da contorna”. A pesar de acumular varios milenios de ocupación aparentemente continuada, a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense apunta como “o conxunto foi moi escasamente estudado e nunca antes escavado”.

Limpeza, sondaxes e levantamento dixital

Durante o mes que durará a intervención arqueolóxica que arrancará na segunda semana de xullo, o equipo que traballará nela concentrarase en coñecer mellor o enclave para as vindeiras campañas. Así, explica Beatriz Comendador, farase o levantamento dixital (fotogrametría e voo dron) e levaranse a cabo unha limpeza respectuosa coa flora autóctona; prospeccións no recinto e na contorna e sondaxes en sectores puntuais para obter máis información do enclave. Esta primeira intervención estará, apunta a investigadora, “fundamentalmente vinculada ao pasado medieval do recinto”. Tamén se levarán a cabo traballos en ambos outeiros da zona para coñecer a configuración tanto da plataforma da necrópole (Oímbra) como do monte do Castelo (Monterrei). O equipo que levará a cabo a intervención estará liderado por Beatriz Comendador, como directora do proxecto, e por Víctor Rodríguez, que será o director da actuación arqueolóxica.

No desenvolvemento do proxecto, Beatriz Comendador subliña tamén a importancia “imprescindible” que ten nel involucrar a veciños e veciñas da zona e á sociedade en xeral. Así, os días 28 de xuño e 5 de xullo, antes da arrancar a intervención, celebraranse ás 20.00 h dúas asembleas informativas sobre o proxecto, a primeira no Centro Social da Alameda, en Vilaza, e a segunda no Lagar das Barrocas, en Oímbra, abertas a todas as persoas interesadas en coñecer o proxecto, no que colaboran o Colectivo Cultural Olimbria e a Asociación Cultural Monterrei Cultura e Territorio.