DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A memoria da nova titulación foi remitida á Xunta para a súa avaliación

O primeiro Consello de Campus do curso aborda os avances para a implantación do grao en Deseño e Creación

O reitor informou tamén do acordo co Concello para peonalizar unha parte do campus

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 17/10/2019

O proceso para a implantación, no curso 2020-2021, do novo Grao en Deseño e Creación e o acordo recentemente alcanzado co Concello para que a institución municipal colabore no proxecto que busca convertir en peonil o espazo central do campus foron dous dos temas centrais da primeira xuntanza no presente curso do Consello do Campus de Pontevedra. Na reunión deste órgano colexiado, o reitor, Manuel Reigosa, abordou no seu informe o proceso para a implantación do Grao en Deseño e Creación, cuxa memoria, explicou, atópase neste momento “pendente de avaliación técnica” por parte da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. 

O reitor apuntou nese senso que “acadamos un acordo coa Consellería e conseguimos unha ampliación do período de presentación da memoria”, que foi aprobada o pasado mes de setembro tanto pola Xunta de Titulación como polo Consello de Goberno e o Consello Social da Universidade. “Á idea é implantala o próximo curso”, recalcou Reigosa, que informou tamén do acordo que o pasado mes de xullo alcanzaron a Xunta de Galicia e as tres universidades para a implantación de novos graos no sistema universitario galego no curso 2021-2022. Este acordo, explicou, posibilitará tamén que a implantación desta nova titulación non implique a perda de 45 prazas para alumnado de novo ingreso no Grao en Belas Artes. “Non está pechado o número exacto, a perda será moito menor e ademais sería unicamente durante un ano, xa que se ao seguinte curso segue habendo demanda poderíamos recuperar o número inicial”, salientou Reigosa. 

Humanización do campus

Nesta sesión ordinaria, cuxa orde do día incluía a presentación dos informes do reitor e do vicereritor do campus, Jorge Soto; Reigosa deu conta tamén dos acordos aos que a institución académica chegou co Concello na xuntanza mantida a pasada semana co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira responsable da área de Universidade, Yoya Blanco. Trátase, sinalou o reitor, de “acordos importantes” que implican por unha banda, a cesión dos terreos da parcela de acceso ao campus nos que o Concello construirá un skate park e por outro, a colaboración da institución municipal no proxecto de converter en peonil parte do espazo central do campus da Xunqueira, na contorna da rotonda situada fronte aos accesos ás facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia. Reigosa explicou que os técnicos traballan actualmente na definición do convenio ou convenios que selarán este acordo. “Estamos encantados de como estamos a traballar co Concello, ademais creo que o deseño que temos pensado para o campus encaixa moito coa filosofía da cidade”, salientou Reigosa dun proxecto que busca facer deste un espazo “no que a xente poida facer vida, que estea aberto non só á comunidade universitaria senón tamén á cidadanía”.

Por outra banda, o reitor adiantou que, aínda que haberá que agardar ao inicio, o vindeiro ano, das negociacións para a definición do novo mapa de titulacións entre a Xunta e as tres universidades galegas, “xa empezamos a traballar no deseño do futuro do campus”. Reigosa salientou que “pensamos que podemos atraer para Pontevedra algunhas titulacións que fortalezan o Campus Crea”, o que á súa vez traería como consecuencia que “probablemente imos precisar algún edificio novo”. Nese senso e tendo en conta que a partires do vindeiro curso, Belas Artes e Deseño e Creación compartirán un “espazo que queda un pouco xusto”, o reitor apuntou á posibilidade de que “poderíamos incluso retomar a idea” de que a Facultade de Belas Artes “se achegase ao campus nos terreos da antiga Tafisa”, unha cuestión para a que, engadiu, “a postura do Concello é de absoluta colaboración”.