DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro episodio emitirase na mañá deste mércores en La Aventura del Saber

As profesoras África González, Beatriz Comendador e Lola Dopico participan na segunda tempada de Universo Sostenible que emite TVE2

O obxectivo é que a comunidade científica responda sobre grandes temas de interese social

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 07/10/2019

La Aventura del Saber é un dos programas máis recoñecidos de divulgación científica no panorama televiso español. En antena dende 1992 en TVE2, o ano pasado abriu unha nova fiestra á ciencia con Universo Sostenible, un espazo impulsado por 31 universidades coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología que se emite semanalmente dentro da estrutura do programa. A segunda etapa desta serie audiovisual, que arranca este mércores, está formada por 13 episodios e contará coa participación de tres investigadoras da Universidade de Vigo: África González, Beatriz Comendador e Lola Dopico. A finalidade desta proposta, que está coordinada polo grupo de traballo en Contidos Audiovisuais e Multimedia da Crue, é que a comunidade científica universitaria responda sobre algunhas das principais cuestións de interese social como a importancia das vacinas, a prehistoria, os deportes electrónicos, a economía colaborativa, as enfermidades tropicais ou os movementos migratorios.

Ciencia, de xeito directo e sinxelo

A presentación oficial da segunda tempada tivo lugar este luns na Universitat de Valencia e os seus responsables explicaron que os capítulos divídense en diferentes bloques audiovisuais montados de xeito dinámico e visualmente atractivo, para facilitar o achegamento á audiencia empregando unha linguaxe próxima e fácil de entender. Ademais, cada programa permite a posibilidade de multidifundir cada unha das súas secuencias por separado a través das redes sociais, e a posibilidade engadida de interactuar coa historia a través de calquera Smartv.

Universo Sostenible, que se emitirá os mércores ás 10.50 horas, ten unha duración de dez minutos e, de forma breve e sinxela, investigadores e expertos da comunidade universitaria achegan os seus coñecementos de temas emerxentes. Para afondar nestas temáticas, cada capítulo conta coa participación de seis expertas e expertos de diferentes universidades. No caso da Universidade de Vigo, a catedrática de Inmunoloxía e directora do Cinbio, África Gonzalez será a primeira en saír en antena, no capítulo 1 da temporada que se emitirá este mércores 9 de outubro centrado nas vacinas e a pseudociencia. Neste espazo exporanse os avances e estudos que a comunidade científica está a desenvolver no referido á epidemioloxía, a inmunoloxía ou as terapias xénicas, así como métodos bioinformáticos para o deseño de vacinas sintéticas ou, no eido da microbioloxía, os traballos na vacina MTBVAC contra a tuberculose, que podería substituír á actual.

A vindeira semana, o segundo episodio contará tamén representación da Universidade de Vigo, desta volta dende o campus de Ourense. A profesora Beatriz Comendador intervirá nun capítulo que se centrará nos estudos desenvolvidos para coñecer a prehistoria e a súa evolución. Así, abordaranse temas relacionados coa arqueoloxía, zooloxía, xeografía, historia, bioloxía vexetal e molecular, bioquímica e economía ambiental para que o público poida coñecer mellor os resultados de escavacións en covas, identificar as actividades comerciais ou a arte rupestre, así como o estudo das sociedades cazadoras e colleiteiras ou a convivencia do Neanderthal co Sapiens. 

Cara o final da temporada, no capítulo 11 intervirá a profesora Lola Dopico, directora de Esdemga, para explicar como a tecnoloxía tamén é aplicable á arte co uso de Tecnoloxías da Imaxe, o deseño gráfico ou a estética, ademais da aplicación da música na neurociencia ou a realidade aumentada para eventos culturais. 

O outros dez capítulos que completan esta segunda temporada abordarán temas como os retos do mercado de traballo coa revolución 4.0; a robótica ou a intelixencia artificial, a cidadanía dixital e os usos das tecnoloxías móbiles; o auxe dos e-sports ou deportes electrónicos; as claves da economía colaborativa; os retos do mundo rural e os novos modelos de desenvolvemento; un achegamento á economía e as finanzas; a educación do futuro e os novos modelos e ferramentas de aprendizaxe; os riscos de enfermidades infecciosas, principalmente tropicais; a saúde dende o punto de vista da nutrición, a biomedicina ou patoloxías dexenerativas e un derradeiro episodio sobre os movementos migratorios e a demografía. 

A coordinación desta iniciativa corre a cargo do Taller Audiovisual da Universidade de Valencia-UV e a Unidade de Cultura Científica e Innovación da UV. 

Éxito da pasada edición

A posta en marcha desta segunda temporada de Universo Sostenible é resultado da boa aceptación que tivo a primeira, que rematou en decembro de 2018. Nela, a Universidade de Vigo tamén estivo representada por tres docentes: Miguel Ángel Nombela, decano da Facultade de Ciencias do Mar, que participou nun capítulo sobre o clima e a súa evolución e os efectos do cambio climático na costa; o catedrático Pío González, do Departamento de Física Aplicada, que participou nun capítulo sobre os novos materiais e a nanotecnoloxía e as súas aplicación en campos como a nanofarmacia ou a nanomedicina e a profesora Ana Ulla, que achegou os seus coñecementos en astronomía nunha pílula titulada ¿Cuánto brillan las estrellas?