DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os 57 estudantes desta titulación presentaron este venres os seus traballos

O programa de doutoramento DocTIC celebra a súa xornada anual de avaliación

As sesións póster desenvolvéronse tanto presencial como telematicamente

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Académica
DUVI 17/07/2020

Pouco a pouca volven os eventos presenciais aos campus. Un dos primeiros foi este venres a xornada anual de avaliación do programa de doutoramento DocTIC do centro atlanTTic, que se celebrou na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Ao longo da mañá máis de medio cento de estudantes desta titulación presentaron os seus traballos de investigación en sesións póster presenciais e tamén a través de conexións virtuais.

Manuel García Sánchez, coordinador do programa de doutoramento DocTIC, lembra que esta actividade vense desenvolvendo ininterrompidamente todos os anos dende 2013 e, nin sequera a covid-19 foi quen de alterar esta progresión. Os obxectivos desta cita anual son múltiples, como remarca o seu responsable. Hai unha parte formativa para os estudantes de doutoramento, xa que teñen que presentar os seus traballos  en sesións póster de congreso internacional en inglés. Deste xeito, “aprenden a preparar, presentar e defender un póster cos seus resultados de investigación ao tempo que poden ver como o fan o resto dos seus compañeiros, facilitando a interacción entre eles, de modo que poden ver como, tanto aos máis noveles como aos máis experimentados, abordan e resolven os problemas que se plantexan na súa investigación e, ás veces, mesmo un método utilizado por un vale para o problema doutro”. A outra parte esencial deste evento é a avaliación, xa que unha serie de comités conformados por docentes terá que valorar o desempeño anual dos estudantes. “Este proceso permítenos detectar posibles problemas na dirección das teses e tamén nos vale aos docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do centro atlanTTic para coñecer as liñas de investigación que desenvolven outros grupos, xa que aínda que convivimos a diario no mesmo espazo, ás veces, nos falta tempo para esta actividade tan importante, que pode dar lugar a colaboracións entre diferentes grupos de investigación”, recoñece García. 

57 estudantes de todo o mundo amosando os avances nas súas investigacións

Nesta xornada participan todos os estudantes do programa de doutoramento DocTIC, coa excepción dos que xa teñen depositada a tese e están á espera da lectura. En total, nesta oitava edición son 57 estudantes, un número similar ao doutros anos, aínda que a crise sanitaria provocou que sexan máis os alumnos e alumnas que optan por presentacións en liña. E é que como recorda García Sánchez, neste doutoramento arredor do 50% son estudantes estranxeiros, “repartidos por medio mundo, de Paquistán a Ecuador, de Irlanda a Exipto e, dadas as restricións para viaxar, fan as súas presentacións do póster de modo remoto, por internet”.

A temática dos 57 póster é moi variada, xa que como lembra o responsable do programa, “as TIC son unhas tecnoloxías moi transversais e existen moitas e moi diversas liñas de investigación enmarcadas en nove áreas: arquitecturas e servizos telemáticos; comunicacións dixitais; electrónica de comunicacións; bioenxeñaría; procesado do sinal; comunicación radio; comunicacións ópticas; teledetección e radionavegación e, por último, redes de datos.

No que se refire ao desenvolvemento da xornada, as presentacións dos traballos comezan cunha sesión conxunta, na que cada alumno fai unha exposición dun minuto de duración. Posteriormente deben estar durante unha hora xunto ao seu póster para explicar aos asistentes que se acheguen e aos comités de avaliación o seu traballo e responder tamén ás preguntas que lles fagan, sempre todo en inglés.

Nos vindeiros días, os comités emitirán un informe e, finalmente, a Comisión Académica, á vista dese informe e do informe do titor ou titora, decide si os estudantes pasan ou non este proceso anual de avaliación.

Dous relatores convidados

O programa da xornada comprendeu tamén dous relatorios de poñentes convidados, Luís Gonzaga Magalhães e Miguel Angel Guevara, investigadores da Universidade de Minho. A temática das súas intervencións xirou arredor das potencialidades da visión aumentada para a industria 4.0 e que como explicaban, a combinación adecuada de técnicas emerxentes, como a visión por ordenador, a realidade aumentada e mixta e a intelixencia artificial están a desempeñar un papel clave nas tarefas de integración e  colaboración de máquinas humanas, para facer posible a industria 4.0 e o concepto de ‘fábrica intelixente’. Ambos investigadores achegaron aos asistentes novas aplicacións e tendencias de técnicas emerxentes para crear sistemas de visión aumentada e intelixente para a industria 4.0, proporcionando información relevante e contextualizada.