DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de inscrición permanecerá aberto dende hoxe, 13 de xullo, ata o día 24

O Programa de Maiores busca novos estudantes dispostos a unha aprendizaxe ao longo da vida

A matrícula formalizarase en setembro tanto para o ciclo integrado como para o intensivo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 13/07/2020

Como para o resto da comunidade universitaria, os últimos meses deste curso foron para o alumnado sénior un verdadeiro reto, no que tiveron que afacerse á docencia en liña e ás novas tecnoloxías. Coa vista posta en normalizar, na medida do posible, a vida académico a partir do mes de setembro, a Universidade abre a convocatoria de inscrición para o Programa de Maiores, tanto no ciclo intensivo coma no integrado.

O prazo abre dende este luns 13 de xullo ata o vindeiro 24 de xullo, e a matrícula formalizarase xa no mes de setembro.

Ciclo intensivo e ciclo integrado

O Programa de Maiores conta neste curso que remata con 600 estudantes entre os tres campus da Universidade de Vigo, repartidos entre o ciclo intensivo e o ciclo integrado.

O ciclo intensivo, con 54 créditos, é a etapa inicial do Programa de Maiores, na que os alumnos e alumnas intercambian coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, sen necesidade de ter ningunha titulación previa. Neste ciclo, que ten unha duración de tres anos, poden inscribirse as persoas con idade igual ou superior a 55 anos, sendo o número máximo de alumnado que poderá ser admitido en primeiro curso de 50 persoas en cada un dos campus. En caso de quedar prazas sen cubrir, poderase admitir alumnado con idades inferiores a 55 anos, pero en ningún caso inferior a 50 anos. Unha vez realizada a inscrición, o prazo de matrícula abrirase entre o 8 e o 22 de setembro. Tamén nesta quenda poderá matricularse o estudantado que xa rematase o ciclo intensivo e queira seguir neste ciclo en materias soltas non superadas.
 
Unha vez superado o ciclo intensivo, o alumnado sénior interesado en continuar coa súa formación pode optar polo ciclo integrado, co que obterán o título de Universitario Superior Sénior. Nesta etapa poden matricularse as persoas que teñan superado o ciclo intensivo (titulado/a universitario/a sénior ou graduado/a universitario/a sénior) ou ben todos os que estean en posesión de calquera outra titulación oficial universitaria e teñan unha idade igual ou superior a 50 anos. O prazo de matrícula abrirase entre o 2 e o 7 de setembro de 2020. 

Prezos públicos

A matrícula do curso completo, que comprende un total de 18 créditos, é de 125 €, mentres que as persoas que opten por elixir materias soltas, deberán pagar 8 euros por crédito. A estas contía hai que sumar os prezos por servizos administrativos, como a apertura de expediente académico ao comezar os estudos (22,31 €), a expedición e mantemento de tarxeta de identidade (4,79 €), a documentación e soporte para a matrícula por internet (1,75 €) ou, no caso de ser necesaria, a anulación total de matrícula (10 €).