DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade presenta a súa oferta para Vigo e Pontevedra e as novidades do equipo de rugby

Unha programación deportiva para ter unha vida “activa, saudable e happy”

Este sábado o campus de Vigo acolle o Open Ibérico de baloncesto en cadeira de rodas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
M. Del Río DUVI 19/09/2019

Instalacións propias, actividades deportivas dirixidas, programas na contorna natural, ligas universitarias de diferentes modalidades... a oferta da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo para os seus tres campus é tan ampla que non dá marxe a escusas para non levar unha vida activa. Para dar conta de todas estas posibilidades, tanto para a comunidade universitaria como para o público en xeral, este xoves tiveron lugar dúas roldas de prensa en Vigo e Pontevedra, nas que tamén se presentou en sociedade o Kaleido Universidade de Vigo de Rugby e a Copa Galicia Open Ibérico de baloncesto en cadeira de rodas, que terá lugar no campus este sábado.

Unha vida activa e saudable no campus de Vigo

Tras a presentación o luns da oferta deportiva en Ourense, este xoves a primeira hora deuse a coñecer a correspondente ao campus vigués, da man da vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado e Eduardo Rodríguez, técnico de Actividades Deportivas. Para fomentar unha vida “activa, saudable e happy” o campus conta cunha serie de instalacións deportivas para a práctica do tenis e do tenis de mesa, campos de fútbol, unha pista polideportiva, circuíto de running, un rocódromo, pistas de atletismo e unha sala cardio fitness. Para acceder, pódese optar por entradas individuais, entradas multideporte ou reservas para instalacións de uso colectivo e a  estas instalacións tamén se une a piscina do CDU no campus de Vigo e os centros deportivos colaboradores, unha serie de entidades e ximnasios da cidade nos que a comunidade universitaria ten condicións vantaxosas.

Con todo, para facilitar o acceso a todas as instalacións e actividades, existen dúas opcións de abonos. O básico, que dá acceso á pista de atletismo, e o abono Muver, que permite o acceso ás salas cardio-fitness, ás pistas de tenis e atletismo, múltiples actividades dirixidas e descontos en iniciativas que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte, como as Escolas Deportivas e as actividades no medio natural. Estes abonos poden ser de carácter anual, cuadrimestral ou estival e os prezos varían dependendo da duración e do tipo de usuarios. No pasado curso, a media mensual de persoas aboadas foi de 1595 entre os tres campus.

Outra das opcións que comprende esta programación son as actividades dirixidas, unha serie de clases que van dende a natación e o fitness express ata xadrez e chan pelviano. Ademais, existe a posibilidade de participar nas escolas deportivas que abranguen actividades como ioga, natación, rugby, tenis ou xadrez, entre outros. A isto súmanse as actividades na contorna natural, nas que o curso pasado participaron máis de 1000 persoas, con dúas edicións anuais do programa Augaventura (que inclúe wakeboard, flyboard, surf, kaiak, rafting, windsurf, mergullo e paddle surf); as rutas culturais pola xeografía de Galicia e o norte de Portugal;  actividades de orientación e xeocaching e o programa Delecer, que comprende pontismo, parapente ou marcha nórdica.

Para as e os que prefiran optar polo deporte de competición, poden participar nas ligas universitarias e competicións internas (baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7, rugby e voleibol mixto) que poden dar acceso a campionatos galegos universitarios, estatais ou europeos. Ademais, existen seccións federadas de baloncesto, carreiras de orientación, carreiras populares e tenis.  Outra das apostas estruturais da Vicerreitoría é a saúde e o benestar, para o que se puxo en marcha a Unidade de saúde, que comprende medicina deportiva, nutrición e dietética e fisioterapia.

Nova campaña de promoción do rugby

Na presentación da nova temporada do Kaleido Universidade de Vigo de Rugby, os representantes da institución académica e do club avanzaron que se vai poñer en marcha unha nova campaña de promoción deste deporte entre o alumnado e de captación de xogadores entre a comunidade universitaria. A vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini e o director da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Alfonso Mandado, explicaban que “este será un ano importante porque colaboraremos para introducir máis o rugby no mundo universitario”, fomentando a práctica deportiva e lembrando a estreita relación entre o rugby e as universidade en todo o Estado. “Queremos que o alumnado saiba que aquí se xoga ao rugby, que temos un equipo en División de Honra B e que poden ser parte del”. Neste sentido, Natalia Caparrini, remarcou que “a través do deporte tamén se transmiten valores como traballo en equipo, responsabilidade ou compromiso, esenciais para a formación integral do estudantado”. O presidente do club, Xoán Martínez agradeceu aos “dous piares do club, Kaleido e Universidade de Vigo” o seu apoio “durante décadas”, tanto co patrocinio como na compoñente social que ten a UVigo co club. Pola súa banda, Pablo Cabrera, novo adestrador do equipo, tamén quixo destacar todo o que este deporte pode achegar á formación e desenvolvemento dos estudantes e apostou por esta vía para sumar novos xogadores ao club. No referido ás infraestruturas, o presidente agradeceu os esforzos da Universidade para conseguir a homologación do campo, un proceso no que moitos equipos de elite están a atopar atrancos. 

Copa Galicia Open Ibérico de baloncesto en cadeira de rodas, este sábado no campus

A primeira grande cita deportiva do curso será xa este sábado, coa celebración no campus de Vigo do Copa Galicia Open Ibérico de baloncesto en cadeira de rodas. Na presentación, Susana García, secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, explicou que se trata dunha cita que se vén celebrando dende 2015 en diferentes puntos de Galicia, desta volta por primeira vez no campus de Vigo. Agradeceu a colaboración da Universidade, “que dende o primeiro momento só puxo facilidades, e máis tendo en conta a premura coa que organizamos unha cita, en principio programada para decembro”. Nesta edición participarán o APD de Braga, campión de liga e copa de Portugal os últimos catro anos, o Abeconsa Basketmi, de Ferrol, que milita na segunda división nacional e o Iberconsa Amfiv, “referente en baloncesto en cadeira de rodas que milita na División de Honra e foi o pasado ano 4º clasificado na Copa de Europa celebrada en Vigo”. García amosou tamén a súa intención de que, tras este primeiro contacto coas instalacións do campus vigués, poidamos ter “unha relación máis estreita coa Universidade”.