DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigación procura soportes máis modernos, baratos e con mínimos custes de mantemento

O proxecto Infor-mar inicia a colocación de boias entre Ribadeo e A Guarda para acadar unha predición océano-meteorolóxica máis fiable

Nesta fase preténdese testar o sistema na maior diversidade de condicións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI 10/10/2019

Desenvolvido o 50% do proxecto Infor-mar, Tecnoloxías para o despregue de información marítima de precisión, as e os investigadores encargados da súa posta en marcha están a acometer, nunha segunda fase, a colocación dunha rede de boias desde Ribadeo ata A Guarda, incluíndo o norte de Lugo, Rías Baixas (Arousa e Vigo) e Costa da Morte (cabo Vilán), co obxectivo de validar o sistema deseñado. Infor-mar, que conta cun orzamento de preto de 770.000 € e unha subvención da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do programa Conecta PEME de máis de 380.000 €, pretende desenvolver unha rede de sensórica propia, de alta precisión e baixo custe, en relación coas existentes actualmente no mercado, co obxectivo de achegar unha predición oceano-metereolóxica moito máis fiable da que actualmente se dispón. 

“A día de hoxe, a falta de datos impide ter modelos numéricos preditivos do estado do mar que sexan precisos. Concretamente, os sistemas actuais non obteñen información preto da costa, polo que será aí onde se distribúan os soportes de Infor-mar, a 1-3 millas de distancia. Por outra banda, os elevados custes de manter unha rede de boias oceanográficas é outro atranco, xa que un deseño complexo nas actuais boias implica mantementos caros”, explican as e os investigadores de grupo CIMA da Universidade de Vigo. O proxecto, desenvolvido por un consorcio integrado por Hctech, empresa conformada a partir da spin-off da Universidade de Vigo Hércules Control; o grupo de investigación CIMA; o centro tecnolóxico Gradiant; e as empresas Strelia Electrotecnia e Quantum Innovative, intenta solucionar estas eivas, mediante estruturas flotantes con deseño e tamaño variable, o que facilita a súa instalación, e con mínimos custes de mantemento, usando tecnoloxía propia para logralo.

En relación coa fase do proxecto que neste intre están a desenvolver, os investigadores e investigadoras do grupo CIMA explican que “temos varios puntos en Galicia, pero queremos dispor de máis para cubrir unha área xeográfica que ofreza datos máis significativos e con maior variabilidade para testar o sistema na maior diversidade de condicións posibles”.

Avances realizados na primeira fase

Durante os primeiros meses de traballo, os equipos de CIMA e Gradiant implicados no proxecto realizaron o deseño do prototipo e tamén avanzaron no deseño e programación do software necesario para a xestión dos datos procedentes das boias e a realización de prognósticos sobre o estado do mar. Así mesmo, desde  decembro de 2018, o grupo CIMA realizou os estudos de modelización dos movementos da boia coas ondas no mar para avaliar o impacto que teñen sobre os datos do sensor e comparar diferentes estruturas flotantes para analizar cal pode ofrecer mellor información. As e os investigadores tamen estudaron o impacto do tren de fondeo sobre estes movementos e como este pode alterar a información ofrecida polo sensor. 

Os socios do consorcio amósanse “satisfeitos co progreso técnico da proposta” e están a poñer a énfase en lograr unha gran precisión na información obtida das boias oceanográficas, xa que deste xeito se poderán acadar datos máis representativos con máis puntos de mostraxe. O resultado deste proxecto, que rematará en setembro de 2020, permitirá a profesionais da pesca e o marisqueo, da xestión de portos e tráfico marítimo e da navegación de recreo, obter prognósticos moito máis fiables para o seu traballo diario.