DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa está financiada polo programa H2020 da Unión Europea

O proxecto SoildiverAgro define en Bruxelas como estudar o impacto da biodiversidade do solo na produción de cultivos

O investigador David Fernández é o seu coordinador

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Ourense 29/01/2020

Cun orzamento total de case sete millóns de euros, con 22 socios de sete países e liderado por un investigador do campus de Ourense, en 2019 arrancou o proxecto SoildiverAgro, destinado a afondar na adopción de novas prácticas e sistemas de cultivos que melloren a biodiversidade do solo. Membros do seu comité técnico reúnense este mércores en Bruxelas para definir como levarán a cabo o estudo dos impactos da biodiversidade do solo na produción de cultivos e outros servizos do ecosistema.

A cita ten entre os seus obxectivos, segundo explican desde a organización, decidir o tamaño, número de parcelas e réplicas, así como os diferentes tratamentos e os ciclos de cada caso de estudo rexional. Outro dos puntos a tratar durante a reunión é o crecemento dos cultivos, a incidencia de pragas ou enfermidades e a avaliación do rendemento dos cultivos, tamén a nivel nutricional. En canto á avaliación da biodiversidade, decidirase o número de mostraxes a realizar e a información necesaria sobre a preparación do solo de cara ao envío de mostras aos laboratorios.

Os membros do comité técnico de SoildiverAgro tamén abordarán a metodoloxía para a avaliación da fertilidade e a contaminación, melloras na estrutura do solo, a dispoñibilidade de auga e a avaliación do rendemento do secuestro de carbono, así como a mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro. Finalmente, a xornada pecharase cun debate sobre interrelacións entre a biodiversidade e os servizos dos ecosistemas nos microorganismos do solo co rendemento dos cultivos e a súa calidade.

Cinco anos de traballo

SoildiverAgro (Soil biodiversity enhancement in european agroecosytems to promote their stability and resilence by external inputs reduction and crop performance increase) está financiado polo programa H2020, o programa de financiamento de investigación e innovación da UE, cun total de 6.999.888,75 euros, correspondendo á Universidade de Vigo unha subvención de 987.875 euros, o 14% do orzamento total. Liderado desde a Facultade de Ciencias do campus de Ourense polo investigador David Fernández Calviño, da Área de Edafoloxía e Química Agrícola, a iniciativa conta coa participación de socios de España, Finlandia, Bélxica, Alemaña, Estonia, Dinamarca e República Checa, incluíndo universidades, centros de investigación, empresas, organizacións sen fins de lucro, agricultores, organizacións de agricultores e organizacións da administración pública. Entre eles, de Galicia participan, ademais da Universidade de Vigo, Feuga, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e o labrego Rubén Rodríguez.