DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns foron recibidos por responsables da institución académica

Un recoñecemento ao esforzo dos equipos federados do campus

No acto participaron xogadores e xogadoras de rugby, baloncesto, tenis e xadrez

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Reitor
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI Ourense 03/06/2019

As competicións deportivas xa remataron e é tempo para os equipos, para xogadores e xogadoras e para persoal técnico de recoller os froitos do traballo feito. Polos resultados acadados nas diferentes competicións nas que participaron pero sobre todo polo esforzo feito, os equipos federados do campus de Ourense foron recoñecidos nun acto no que recibiron de mans de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, unha placa de homenaxe.

“Parabéns polos voso traballo e desexarvos que a tempada seguinte teñamos os mesmos éxitos ou mellores. Pero non vos imos demandar eses éxitos. O que vos imos demandar é que sexades bos deportistas, bos competidores, que vos sigades esforzando”, salientou Manuel Reigosa durante a recepción ás e aos deportistas. O reitor recalcou como “o éxito para nós é o éxito do esforzo, do adestramento, o éxito de ser competidores fieis ao espírito do deporte e da Universidade de Vigo”. Apoiando estas palabras, Alfonso Mandado, director da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, quixo trasladar ás e aos deportistas presentes “o noso agradecemento por representar á Universidade de Vigo e ao campus de Ourense”. Alén dos éxitos obtidos, Alfonso Mandado, que lembrou como se está a traballar nos convenios deste ano cos diferentes clubs, salientou a importancia de que os equipos sexan “bos representes da Universidade e dos seus valores” e que contribúan á súa promoción.  

Licencias e resultados

Pola súa banda, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, lembrou no acto como esta tempada no campus de Ourense “contamos con preto de 150 licencias federadas en catro modalidades deportivas, como son baloncesto, rugby, tenis e xadrez, que participaron nas ligas das correspondentes federacións, representándonos pola xeografía española e galega e contando en todas modalidades con participación feminina e masculina”. A vicerreitora quixo agradecer á sección federada de baloncesto Universitario Campus Ourense, ao Club Xadrez Ourense Universitario, ao Club Deportivo Tenis Dereito-Empresariais e ao Campus Universitario Ourense Rugby Club “a súa dedicación e esforzo durante a tempada 2018–2019”, facendo extensible este agradecemento a todos os colaboradores.

Tal e como se lembrou no acto, a categoría masculina de baloncesto rematou campioa do grupo sur da 1ª  División Autonómica da Federación Galega de Baloncesto e a feminina acadou un segundo posto na 1ª  División Autonómica da Federación Galega de Baloncesto. Polo que respecta ao Campus Universitario Rugby Club o primeiro equipo obtivo un terceiro posto na Liga División Honra B da Federación Española de Rugby, xogando os play off para o ascenso á División de Honra; o equipo masculino sénior foi campión da Copa Xunta de Galicia e a categoría feminina acadou un segundo posto na Liga Rexional Feminina xogando os play off para o ascenso á División de Honra. Polo que respecta ao Club Deportivo Tenis Dereito-Empresariais conseguiron, na categoría de +45 anos, ser subcampións da 1º División da Federación Galega de Tenis e o ascenso á División de Honra da Federación Galega de Tenis. Por último, o equipo de xadrez cumpriu o seu obxectivo de manterse nas diferentes categorías nas que competiu.