DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Aguado agradece a concesión do Premio Crítica de Galicia a LUME-1

Recoñecemento a unha traxectoria que comezou hai 12 anos co Xatcobeo

O satélite da Universidade de Vigo recibiu o galardón na modalidade de Investigación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
DUVI 11/11/2019

“Por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no eido tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga do noso país o lume, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo”. Estas son razóns polas que o xurado dos Premios da Crítica de Galicia acordou outorgar este galardón na modalidade Investigación ao satélite LUME-1, desenvolvido por docentes e investigadores das escolas de enxeñaría de Telecomunicación e Industrial e a Escola Superior de Enxeñaría Informática. O satélite vigués impúxose nas votacións do xurado á obra Golpistas e verdugos de 1936. Memoria dun pasado incómodo, editado por Lourenzo Fernando e Antonio Míguez de Galaxia e ao artigo Bottom-up synthesis of multifunctional nanoporous graphene, publicado por Science e no que participaron investigadores da USC.

“Estamos moi agradecidos e contentos xa que a concesión do premio de Investigación da Fundación Crítica de Galicia 2019 é un recoñecemento a todo o equipo da Universidade de Vigo durante os últimos 12 anos, cando comezamos co satélite Xatcobeo”, destaca Fernando Aguado, coordinador do proxecto, que engade ademais que o galardón lles dá moito ánimo para continuar adiante co labor que están a desenvolver. O docente e investigador da Universidade de Vigo destaca ademais que o lema dos galardóns deste ano, Teñamos o valor de darnos o futuro, está moi relacionado coa idea de que “o futuro de Galicia pasa inevitablemente pola investigación que se está a desenvolver, tanto da Universidade de Vigo, como no resto de universidades de Galicia”.

No acto de entrega dos galardóns, celebrado o pasado sábado no centro social Afundación de Vigo tamén foron premiados O mar que nos leva de Moncha Fuentes na modalidade Creación Literaria; o Festival de Poesía do Condado, en Iniciativas Culturais; Xan Carballal, Premio Música; Soledad Penalta, Premio Artes Plásticas; Rut Balbís, Premio de Artes Escénicas; a serie Fariña, Premio de Cine e Artes Visuais e Lucía Freitas, Premio de Cultura Gastronómica.