DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Informou sobre o futuro grao en Robótica da USC e da implantación dunha universidade privada

O reitor, Manuel Reigosa, reitera no Claustro a aposta da Universidade polo grao en Deseño e Creación

Nunha sesión de trámite para a elección de membros en varios órganos universitarios

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Democracia
  • Igualdade
  • Lingua Galega
  • Reitor
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/06/2019

O Claustro Universitario celebrou este mércores unha sesión ordinaria de trámite con dous puntos principais na orde do día: o informe do reitor e a elección de varios membros en diferente órganos institucionais, como a Comisión para a elaboración do Plan Estratéxico, a Comisión de Traballo para a definición dos procesos de xestión, a Mesa do Claustro, a Comisión Electoral, o Consello de Goberno e os Consellos de Campus.

Como explicaba o reitor, Manuel Reigosa, “nesta sesión do Claustro queremos adiantar varios temas de debate antes dunha nova xuntanza en xullo, que terá moita carga de contidos”. Por iso, abordou temas de actualidade para informar, como xa o fixera no Consello de Goberno, da postura da institución respecto a temas como a implantación do grao en Robótica en Lugo, a creación dunha universidade privada en Galicia ou o futuro da proposta de grao en Deseño e Creación no Campus de Pontevedra.

Sobre este último tema, lembrou que o plano de estudos do grao en Deseño e Creación foi rexeitado pola Xunta de Facultade de Belas Artes hai tres semanas. Non obstante, “cremos que é unha titulación clave, é importante porque é moderna e atractiva e porque encaixa francamente ben no campus de especialización Campus Crea, que temos que fortalecer”. Por isto, reafirmou a postura da institución de seguir buscando o xeito de implantar o grao. “Nomearemos un decano-comisario” para xestionar o proceso e procederase á “creación dunha nova facultade, algo que agardamos facer en tempo e forma para que o plano de estudos chegue á Consellería a tempo para súa implantación, que xa está adiada un ano, e se debería poñer en marcha no curso 2020-2021 no campus de Pontevedra”.

Universidade privada e grao en Robótica

Respecto da creación dunha universidade privada en Galicia, Reigosa avanzou que os tres reitores do SUG solicitaron á Consellería de Educación que no Consello Galego de Universidades se analice o encaixe desta nova institución no Sistema Universitario de Galicia. “Non parece lóxico que todas as titulacións das universidades públicas haxa que negocialas pero, por outra banda, exista unha privada á cal se lle vaian aprobar unha serie de titulacións das que o resto de universidades non teñen noticia”. 

Sobre a implantación do grao en Robótica no campus de Lugo, o reitor lembrou que finalmente este será o nome da titulación, “que perde o apelido de Agroforestal” e, ante esta situación, os tres reitores pecharon un acordo “que supuxese a implantación dalgunha nova titulación nos tres campus sen abrir o mapa de titulacións, senón dentro do mapa actual” e apuntou que están pendentes de que a Consellería aprobe este acordo. Neste sentido, o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, solicitou ao reitor maior información sobre este tipo de negociacións, que atinxen directamente ao seu centro.

Manuel Reigosa tamén deu conta do nomeamento da profesora Ana Garriga como delegada de protección de datos da Universidade de Vigo e do acordo para a posta en marcha o vindeiro curso de tres graos co 80% da docencia en galego: Comunicación Audiovisual en Pontevedra e Educación Infantil e Primaria en Ourense. Finalmente, Reigosa tamén lembrou que en Consello de Goberno se aprobou unha acción positiva cara a igualdade, un paso para facer fronte á “redución de produtividade que teñen moitas veces as mulleres cando lles toca facerse cargo do coidado dos nenos” e apuntou que é unha medida tamén aplicable a homes que tamén teñan cargas familiares.

Puntos de interese para a CRUE

No eu informe , o reitor da Universidade tamén informou ao Claustro dos temas tratados na última sesión da CRUE. Entre eles, a nova carreira docente que se está a debater co Ministerio e incluiría a creación de varias novas figuras, como a do profesor non doutor cunha duración de 6 anos, máis dous prorrogables, a de profesor doutor sen acreditación de 3+3 anos e a de profesor substituto para necesidades sobrevidas. O reitor explicou tamén que na comisión académica da CRUE estase a traballar no deseño de titulacións duais, “algo que nos interesa moito, xa que nos gustaría pedir dous destes títulos” e na virtualización da docencia, “que nos axudaría a captar estudantes estranxeiros, sobre todo en países de Iberoamérica e de países da lusofonía”.

Na quenda de rogos e preguntas, abordáronse temas como problemas co transporte público ao campus de Vigo ou o desenvolvemento da carreira profesional do PAS, unha das promesas electorais do actual equipo, segundo lle lembraba Federico Fernández, representante do PAS. Os membros do Claustro tamén lle trasladaron ao reitor preguntas sobre a aplicación do decreto de control horario no caso do persoal laboral. Reigosa respondeu que a CRUE está a realizar un estudo sobre esta cuestión e, cando estea finalizado, “comezaremos a negociación cos sindicatos”. Finalmente, o profesor Alberto Dafonte preguntou sobre a situación do profesorado contratado doutor interino, “que se atopa nunha situación de indefinición”. O reitor respondeu que é preciso agardar a ter orzamento do Estado, porque “é posible que haxa unha solución moi rápida”, aínda que lembrou que poden existir limitacións tanto internas de tipo orzamentario como externas como as taxas de reposición o os límites da masa salarial, aínda que confía nunha solución áxil.