DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En total, uníronse a esta iniciativa solidaria 33 institucións

O #Reto5mil consegue 4358 doazóns de sangue nas universidades españolas

A Universidade de Vigo achegou 250 colaboracións a esta campaña

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 17/10/2019

A segunda edición do #Reto5mil superou o obxectivo marcado e, en concreto, foron 5305 as persoas que doaron o seu sangue na cita solidaria do pasado 8 de outubro. Non obstante, o número de doazóns foi de 4358, xa que por diferentes motivos, parte dos participantes nun cumprían os requisitos establecidos para poder doar.  

Esta iniciativa, impulsada pola Red Española de Universidades Saludables, reuniu 33 universidades de 14 comunidades autónomas co obxectivo de superar as 5000 doazóns nunha soa xornada e tamén de incrementar o número de novas e novos doantes. Na Universidade Vigo sumáronse os tres campus, cunha unidade móbil en cada un deles, dando como resultado 250 doazóns e 266 persoas que se achegaron a colaborar. En total, rexistráronse entre Vigo, Ourense e Pontevedra 78 doantes novos.

Por campus, á unidade instalada na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo achegáronse 59 persoas, concretándose finalmente 56 doazóns, 14 delas de persoas que participan por primeira vez. En Pontevedra, o autobús instalado diante da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación rexistrou 50 visitas, 47 doazóns e sete novas persoas doantes. En Vigo, na Escola de Enxeñaría Industrial foron 105 as persoas que se presentaron, con 95 doazóns e 39 donantes novos. Finalmente, na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía foron 52 as persoas presentadas e todas elas puideron doar, sendo 18 doantes novos.

Un incremento do 72% respecto da pasada edición

Nesta edición conseguiuse aumentar a cifra global da anterior edición, pasando de 3000 a 5305 participantes entre todas as universidades, o que supón un incremento do 77%. No que se refire ás doazóns, o dato pasou de 2531 a 4358, un incremento de 72%, triplicando tamén o número de novas e novos doantes. Por outra banda, tamén creceu o número de universidades participantes, pasando de 25 a 33. Para a organización, a valoración é, en xeral, moi positiva xa que ano tras ano vai mellorando a acollida, facendo visible a solidariedade das universidades españolas e instaurando “unha tradición que consegue posicionarse como unha das accións conxuntas das universidades saudables con maior éxito”.