DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa enmárcase no proxecto de especialización do campus de Ourense

A revista 'Redas' publica un novo número sobre dereito, auga e sostibilidade

Entre os temas abordados están as comunidades de regantes e os plans xerais

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 05/06/2020

O cuarto número de Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad, lanzada desde a Facultade de Dereito no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, xa está dispoñible na rede para a súa lectura. Nela, diferentes especialistas abordan cuestións de interese no eido dos recursos hídricos, como o poder adxudicador das comunidades de regantes a efectos da lei de contratos, a doutrina sobre anulación de plans xerais e a proposta de creación dunha nova entidade para xestionar o ciclo integral da auga.

Redas é, tal e como indican os seus responsables, “unha publicación internacional electrónica de contido xurídico e periodicidade anual especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a persoas interesadas nestas materias provintes do ámbito académico como do profesional”. Dirixida por Roberto O. Bustillo, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo, a revista forma parte da actividade académica da Rede de Excelencia de Estudos Xurídico-Marítimos (Redexmar). A publicación, lembra o seu director, xurdiu no ano 2015 como resultado da iniciativa de profesorado da Facultade de Dereito de Ourense e en 2017 foi recoñecida cun accesit na modalidade de actividades de divulgación científica na primeira edición dos Premios de Investigación, Transferencia, Innovación Educativa e Divulgación Científica do Campus da Auga.

Tres análises

O novo número de Redas, correspondente ao ano 2020, arranca cun editorial divulgativo a cargo do director da publicación e de Laura Movilla, profesora axudante doutora de Dereito Internacional Público e secretaria académica desta revista, titulado De la sala 227 del Louvre al título IV del texto refundido de la ley de aguas. Séguenlle tres traballos de diferente temática. O primeiro deles leva por título Son as comunidades de regantes poder adxudicador aos efectos da lei de contratos? Un comentario á resolución 15/2019 do Tribunal de Recursos Contractuais da Junta de Andalucía e está asinado por Moisés González, avogado e doutorando da Área de Dereito Administrativo da Universidad Pablo de Olavide de Sevilla. No seu traballo, explica o avogado, “analiza a inclusión das corporacións de dereito público entre as entidades que teñen a consideración de poder adxudicador na nova Lei de Contratos do Sector Público, corporacións entre as que se atopan as comunidades de regantes”. Neste senso, o autor debulla como o Tribunal de Recursos Contractuais da Junta de Andalucía examinou “nunha novidosa resolución, logo confirmada polo Tribunal Central de Recursos Contractuais”, os elementos subxectivos do concepto de poder adxudicador para comprobar se concorren nestas comunidades.

O segundo dos estudos recollidos no cuarto número de Redas titúlase Efectos da nulidade de planeamento. Solucións e perspectivas legais e está realizado por Alfredo Francisco Bermúdez, arquitecto e técnico urbanista. No seu caso “analiza a doutrina sobre anulación dos plans xerais, así como os seus efectos xurídicos en licencias, instrumentos de planeamento, obras e convenios”. Ademais, porpón “posibilidades legais que permitan reducir as nulidades de pleno dereito e os seus efectos, derivados de erros na tramitación dos planes, e aborda a casuística de distintos plans anulados e os efectos xurídicos coa aplicación destas propostas. 

Por último, no apartado de documentación administrativa e xurisprudencial da revista publícase un texto titulado Proposta de creación dunha nova entidade para xestionar o ciclo integral da auga, asinado por Pilar Arias, xefa de Sección Xurídica da Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia. Nel aborda a iniciativa do anteproxecto de lei de creación da Sociedade para a Xestión do Ciclo Integral da Auga. Esta proposta, indica a autora do traballo, consiste en “crear unha entidade pública na que participen os concellos, competentes na prestación destes servizos, as deputacións provinciais, con competencias de coordinación para concellos de menos de 20.000 habitantes, e a Xunta de Galicia, con competencias de colaboración e coordinación de servizos”.

Próximo número

Publicado este cuarto número, a revista abre o prazo para a presentación de traballos do seguinte número, o correspondente a 2021. O prazo estará aberto ata o 1 de outubro deste ano, explicándose na páxina web da publicación as normas de presentación, elección e publicación de textos.