DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade programa un ciclo de actividades desde este martes cun relatorio de Juan Añel

Rigor, humor, paixón e creatividade para conversar sobre o cambio climático

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/03/2019

Co obxectivo de analizar, con  carácter divulgativo e desde un punto de vista científico, as causas, efectos e implicacións do quentamento global e o cambio climático, a Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo pon en marcha desde este martes 26 de marzo o ciclo Conversas sobre o Cambio Climático, “un foro para intercambiar información en liña co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) 13: Acción polo clima, entre expertos, organizacións e institucións maioritariamente do sur de Galicia. Con rigor, pero tamén con humor, paixón e creatividade”, explica Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación. Esta   vicerreitoría, xunto ás de Comunicación e Relacións Institucionais e Investigación , colabora na organización desta iniciativa, dirixida á comunidade universitaria, centros de ensino, empresas, institucións e público en xeral, a través dunha programa que incluirá actividades dunha sesión e outras nas que se desenvolverán proxectos, mediante metodoloxías participativas.

“Algunhas sesións serán por videoconferencia, e as e os científicos responderán ás preguntas de estudantes sobre ciencia, ou sobre as súas investigacións e comunicaranse directamente con eles a través de chats de texto. Tamén será posible que grupos de alumnos ou usuarios de centros socioculturais protagonicen sesións de divulgación científica en dependencias da Universidade”, detalla Doval, que tamén confirma a realización de debates, confección de murais colaborativos, infografías, sinatura de manifestos, xincanas ou obradoiros de elaboración de videoxogos e cómics sobre o cambio climático, detalla a vicerreitora. As actividades, que contarán coa colaboración dos concellos e a participación de persoas voluntarias da Universidade,  desenvolveranse en toda a área de influencia dos tres campus, así como en parques tecnolóxicos, organizacións, centros educativos e vilas, “porque a Universidade de Vigo ten a responsabilidade social de compartir o seu coñecemento con todos e en todo lugar”, sinala a vicerreitora. 

Temáticas tan variadas como as e os poñentes

A sala I do Edificio Miralles acollerá este martes a partir das 17.00 horas a primeira das conversas sobre o cambio climático, protagonizada polo investigador Ramón y Cajal no EPhysLab da Universidade de Vigo Juan Antonio Añel, que falará sobre Mitos e certezas do cambio climático. A partir de aí sucederanse as intervencións de poñentes dun perfil moi variado, “porque o clima ten unha abordaxe multidisciplinar. Retaremos a un científico ou científica de calquera rama a expoñer o seu tema de especialización aplicado ao cambio climático ante o público”, explica Doval, que apunta, entre outras temáticas a tratar: clima e saúde; clima e explotación infantil; lexislación internacional sobre cambio climático; fake news e escépticos do clima; quentamento global e desaxustes migratorios ou comunicación para a sostibilidade. 

En paralelo ao obxectivo de realizar unha aproximación á complexidade que entraña o fenómeno do cambio climático, a Universidade tamén persegue coa organización deste ciclo outros obxectivos como a divulgación da ciencia que se xera na propia institución; espertar vocacións científicas e atraer alumando interesado nestas cuestións; difusión e defensa do galego a través da ciencia, así como o ensaio de formatos diferentes de comunicación científica e ciencia cidadá.