DUVI

Diario da Universidade de Vigo

José Ramón Salgueiro, Manuel Fernández e Xurxo Costoya participan en Pint of Science

Unha ‘rolda’ de ciencia a cargo de tres investigadores do campus

A cita divulgativa celebrarase do 20 ao 22 de maio

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 16/05/2019

Por segundo ano consecutivo, Ourense únese á celebración de Pint of Science, un festival internacional de divulgación científica con presencia en 73 cidades españolas e 400 de todo o mundo que se desenvolverá do luns 20 ao mércores 22 de maio. Nel participarán tres investigadores do campus de Ourense, como son José Ramón Salgueiro, Manuel Fernández e Xurxo Costoya, que intentarán achegar dun xeito ameno ao público asistente os seus ámbitos de traballo, neste caso a física.

Tres días de programación

Para a edición de Ourense, explican os seus responsables, escolleron “investigadoras e investigadores ourensáns, ou vinculados a Ourense”, aos que se lle encomendou o reto de achegar “a realidade do seu traballo en ámbitos tan diferentes como a arqueoloxía, a física, a medicina ou a psicoloxía, nun formato divulgativo, distendido e moi próximo aos asistentes”. Así, o primeiro día de programación, que terá lugar na Cervexaría O Moucho, arrancará coa intervención de Julia Buján, catedrática da Universidad de Alcalá, que falará do deseño de tecidos e órganos personalizados para o seu uso en pacientes. Tras ela, Manuel Fernández e Xurxo Costoya, investigadores do grupo de investigación do campus de Ourense Ephyslab, falarán de medio ambiente, atmosfera e océanos. Farano explicando “a actividade científica que se realiza en Ephyslab, un grupo multidisciplinar que traballa no ámbito da física da atmosfera e da oceanografía”.

O martes a programación estará centrada no coñecemento da mente, coa participación de Julio Rodríguez, da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que falará sobre a xenialidade, e Alejandro García, do Sergas, que intervirá sobre a cognición social e o mundo das emocións. O mércores as xornadas pecharanse coa intervención de José Ramón Salgueiro, físico do campus de Ourense, que amosará o seu traballo sobre as radiacións de terahercios. “A radiación de terahercios permaneceu no esquecemento ata hai relativamente poucos anos. Repentinamente xurdiu un novo interese por esa rexión do espectro”, comenta José Ramón Salgueiro, que na súa intervención describirá as razóns dese interese así como algunhas das potenciais aplicacións tecnolóxicas desas radiacións. Finalmente, Eduardo Breogán Nieto, de Breogán Arqueoloxía, porá ao público ao tanto do estado das escavacións arqueolóxicas que se están a desenvolver actualmente no conxunto arqueolóxico natural de Santomé, en Ourense.

Segundo explican desde a organización de Pint of Science, que en Ourense está coordinada por Dosi Veiga, a iniciativa naceu en maio de 2013 no Imperial College de Londres, cando os investigadores Michael Mostkin e Praveen Paul organizaron un evento nos seus laboratorios con fin de mostrar a investigación que estaban a realizar ás persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. A idea, indican, pronto se replicou noutros países ata que no 2015 se celebrou a primeira edición en España.