DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A andaina terá lugar o sábado 6 de abril

As rutas culturais achéganse á Costa da Morte para facer un tramo do Camiño dos Faros

110 participantes percorrerán o traxecto entre Laxe e Camelle

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Deportes
  • Medio Ambiente
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 02/04/2019

A piques de rematar a súa programación, as rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo celebrarán este sábado, 6 de abril, a súa décima andaina. 110 participantes dos tres campus achegaranse á Costa da Morte para realizar un dos tramos do Camiño dos Faros, concretamente o que une os pobos de Laxe e Camelle.

A ruta, que leva por nome Da Montaña ao Mar III. Ruta dos Faros, Laxe (A Coruña), terá unha dificultade media e un percorrido de 15 quilómetros. O  itinerario corresponde á cuarta etapa do Camiño dos Faros, ruta de sendeirismo que discorre a carón do mar durante 200 quilómetros entre Malpica e Fisterra. O traxecto que realizarán as e os participantes da Universidade de Vigo partirá do porto de Laxe, percorrerá o monte da Insua e o faro desta localidade, continuará pola praia de Soesto e e rematará en Camelle cunha visita ao museo e casa de Man.  

Sobre a andaina José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios desde o campus de Ourense, salienta que “é unha xoia da coroa porque é moi bonita. O camiño discorre paralelo á costa e podes gozar da natureza en estado puro, sen ver construcións ou feísmo urbanístico en moitos tramos”. Dado que as e os participantes camiñarán por terreo de rocha ao carón do mar en boa parte do traxecto, o responsable das andainas sinala que a dificultade da ruta será media xa que, apunta, é “unha ruta quebra-pernas, con subidas e baixadas, recunchos, sitios abruptos”. A esta dificultade engádese que a previsión do tempo indica que o sábado empeorará o tempo con posibilidade dalgunha choiva.

Inscrición aberta

Habendo aínda prazas dispoñibles para esta ruta, a inscrición nesta e nas demais andainas universitarias realízase en liña. Os membros da comunidade universitaria poden facela desde 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior ao roteiro. As persoas alleas á comunidade universitaria poden inscribirse entre o martes e o xoves antes da ruta. O prezo varía en función do tipo de usuario ou usuaria, oscilando por exemplo entre os 8 euros por ruta co Abono Muver ata os 20 euros para persoas externas á comunidade universitaria. Coma sempre haberá autobuses para trasladar ás e aos participantes ao inicio de cada ruta dende os tres campus.