DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O percorrido terá lugar o sábado 11 de xaneiro

As rutas culturais inician 2020 cun percorrido pola lagoa de Cospeito

A inscrición está aberta á cidadanía interesada

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 08/01/2020

A programación de rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo arranca 2020 coa celebración o sábado 11 de xaneiro dunha andaina pola lagoa de Cospeito, na provincia de Lugo. A inscrición xa está aberta tanto para os membros da comunidade universitaria como para a cidadanía interesada.

A Ruta 5. Birdwatching na lagoa de Cospeito (Lugo) ten unha dificultade baixa e conta cun itinerario de 15 quilómetros. As e os participantes procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo coñecerán, da man dun ambientólogo, a lagoa de Cospeito, que se engloba dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e está considerada un dos ecosistemas hídricos máis importantes do noroeste da península, segundo indican desde a organización da actividade. Ademais de percorrer este enclave, as e os inscritos realizarán nela unha actividade de observación guiada de aves. “Comezamos 2020 cun percorrido moi tranquilo e suave, de dificultade baixa. É unha ruta para baixar o turrón do Nadal e volver a facer actividade física”, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense.

Máis en 2020

Tras este percorrido, a programación de rutas culturais do curso 2019/2020 volverá a Portugal cun itinerario o 25 de xaneiro por Sistelo, aldea-monumento sita no fondo dun val no Parque Nacional da Peneda Gerês. Seguiralle unha andaina que terá como escenario Sanabria, en Zamora, visitando a súa lagoa o día 15 de febreiro. Xa de volta en Galicia, o 7 de marzo a actividade continuará cun percorrido que se achegará a un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e de Touro, a fervenza das Hortas, considerada unha das máis altas de Galicia. Na mesma provincia pero o día 21 de marzo, a programación seguirá pola Costa da Morte coa realización dun dos tramos do Camiño dos Faros, concretamente o de Muxía. O día 18 de abril o protagonista será o Parque Natural Carreirón, na Illa de Arousa (Pontevedra). Como xa é tradición, a programación rematará o 9 e 10 de maio coa celebración dunha fin de semana de andainas, sendo nesta ocasión o destino escollido As Médulas (León).

Inscrición

A inscrición en liña en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro ábrese a inscrición a calquera persoa interesada, apuntándose desde a organización das andainas como o sistema de matrícula vén de actualizarse recentemente. Os prezos de matrícula oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo.