DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A actividade desenvolverase os días 4 e 5 de maio

As rutas culturais pechan o curso cunha fin de semana de sendeirismo, cultura e natureza en Allariz

O prazo de inscrición está aberto para os membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 30/04/2019

As rutas culturais do curso 2018/2019, organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, pechan a súa programación celebrando unha fin de semana de sendeirismo, cultura e natureza na localidade ourensá de Allariz. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, aínda están a tempo de inscribirse nesta iniciativa que se desenvolverá os días 4 e 5 de maio.

“Como xa é tradición pechamos o curso cunha fin de semana de sendeirismo e convivencia que nesta ocasión terá como escenario Allariz”, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador desde o campus de Ourense das rutas universitarias. A programación inclúe a realización de dúas andainas que permitirán ás e aos participantes coñecer a riqueza patrimonial e arqueolóxica deste enclave, visitando ademais do propio Allariz espazos como Santa Mariña de Augas Santas e Armea, pero tamén a súa riqueza natural e paisaxística, achegándose á súa zona declarada reserva da biosfera. Non faltarán visitas guiadas a puntos de especial interese ou a realización de actividades como unha cata de queixos locais.

A inscrición na actividade inclúe aloxamento nun cámping da localidade e a manutención durante a fin de semana, oscilando o prezo entre os 40 euros que pagan as persoas alleas á Universidade e os 16 que pagan os membros da comunidade universitaria con Abono Muver. “O prezo é moi baixo, case simbólico tendo en conta todo o que inclúe”, subliña o coordinador dos roteiros. A inscrición en liña estará aberta ata o xoves tanto para os membros da comunidade universitaria como para as persoas alleas a ela. Haberá autobuses para trasladar ás e aos participantes ao inicio da actividade dende os tres campus da Universidade de Vigo ata Allariz.