DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Será o sábado 14 de decembro

As rutas culturais pecharán 2019 cun percorrido pola Ribeira Sacra

A actividade inclúe a celebración dun magosto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Ourense 10/12/2019

O sábado 14 de decembro a programación de rutas culturais que organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo pechará a súa actividade deste ano coa celebración dunha ruta pola Ribeira Sacra máis próxima á cidade de Ourense e dun magosto. Na iniciativa participarán membros da comunidade universitaria e persoas allea a ela procedentes dos tres campus da institución académica.

A Ruta do contrabando. Ruta micolóxica e magosto pola Ribeira Sacra será a cuarta andaina universitaria deste curso académico. Cun percorrido circular de 15 quilómetros e unha dificultade media-alta, o traxecto que realizarán as e os participantes será Luintra, Monteverde, parador de Santo Estevo, Pombar e de novo Luintra, para rematar na área recreativa de Loñoá. Trátase, explican desde a organización, dun roteiro por “unha fantástica paisaxe natural e cultural que é agora candidata a ser Patrimonio da Humanidade”. “É un percorrido espectacular, a Ribeira Sacra é unha xoia da coroa”, comenta José García-Calvo, Willy, coordinador das rutas culturais desde o campus de Ourense.

Alén do atractivo propio do lugar a visitar, desde os roteiros culturais subliñan como a andaina terá outros alicientes. Así, durante o seu desenvolvemento prestaráselle especial atención á riqueza micolóxica da contorna, permitindo ás e aos participantes achegarse ao mundo dos cogomelos. Tamén haberá tempo para lembrar o pasado da zona como “ruta de contrabando” e finalmente celebrarase un magosto na área recreativa de Loñoá no que non faltarán as comidas típicas desta época do ano. “A gran dificultade desta ruta é o primeiro quilómetro e medio de baixada desde que saímos ata Santo Estevo, aí teremos que andar con moitísimo coidado. Por iso catalogamos esta ruta como de dificultade media-alta. A subida posterior xa é moito máis suave”, sinala o coordinador das andainas universitarias.   

Inscrición

A inscrición en cada ruta está aberta de xeito exclusivo para a comunidade universitaria ata o luns anterior a cada andaina. No caso de quedar prazas libres, o martes, mércores e xoves anteriores a cada roteiro abrirase a inscrición a calquera persoa interesada. Os prezos oscilan segundo o tipo de colectivo de pertenza, habendo a posibilidade de adquirir bonos. Cada ruta realizada recoñecerase con 7,5 h ECTS por día de duración e haberá autobuses para trasladar ás persoas participantes ao inicio de cada itinerario dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Tendo en conta a previsión meteorolóxica e o recoñecemento do terreo realizado, desde a organización salientan a importancia de que cada participante leve o equipo preciso para facer esta ruta axeitadamente.