DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do proxecto AtlanticCultureScape, do que a Universidade de Vigo é socia

Seis rexións atlánticas europeas únense para recuperar, protexer e dinamizar o seu patrimonio inmaterial

Inventariaranse os bens e crearanse experiencias que impulsen a oferta turística nestas zonas

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/07/2019

A cultura do mar, coas tradicionais carpinterías de ribeira ou as artes de pesca e a do téxtil son dous nexos comúns que unen a moitas comunidades atlánticas, un patrimonio inmaterial, ás veces, pouco protexido e escasamente visibilizado. É nesa contorna na que se centrará o proxecto europeo AtlanticCultureScape, unha iniciativa na que están implicadas seis rexións do arco atlántico: Galicia, Cantabria, Andalucía, Río Maior en Portugal así como zonas de Gales, Irlanda e Irlanda del Norte. Cofinanciado polo Programa Interreg Atlantic Area a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ten como obxectivo desenvolver colectivamente experiencias de patrimonio cultural inmaterial que impulsarán a oferta turística na zona atlántica.

A Universidade de Vigo é unha das seis entidades socias, xunto co Newry, Morne e Down District Council que actúa como coordinador xeral; a Autoridade do Parque Nacional Brecon Beacons; o Municipio Rio Maior en Portugal; o Cork Institute of Technology en Irlanda; o Goberno autonómico de Cantabria e a Axencia Andaluza de Institucións Culturais. Tamén participan once entidades asociadas, incluíndo o Clúster de Turismo de Galicia, a Agência de Promoção da Cultura Atlántica ou a Tourism Northern Ireland. O Killeavy Castle Estate, en Irlanda do Norte, acolleu estes días a xuntanza de lanzamento do proxecto, que conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros para desenvolver esta investigación, na que a Universidade de Vigo contará con 270.694 €.

Unha Ruta de Patrimonio Inmaterial na Zona Atlántica

Dende o consorcio subliñan que o elemento 'intanxíbel' do patrimonio cultural recibiu nos últimos anos relativamente pouca atención na área atlántica, polo que se fixan como finalidade identificar e mellorar o desfrute de experiencias culturais auténticas, que se prevé xere un aumento das visitas turísticas. Inicialmente, levarase a cabo un estudo do patrimonio cultural inmaterial en toda a zona atlántica. Este proxecto centrarase na protección e conservación do patrimonio inmaterial inventariado, así como no seu desenvolvemento económico. Deste xeito, pretendese que a creación de produtos patrimoniais innovadores, dunha Ruta de Patrimonio Inmaterial na Zona Atlántica e dun programa de mercadotecnia transnacional favorezan un maior recoñecemento e visibilidade do patrimonio cultural inmaterial na área atlántica. A finalidade última é mellorar a calidade de vida dos seus habitantes e das persoas que visiten a zona, fomentando un crecemento económico sostible, tomando en conta a contorna, desenvolvendo mecanismos innovadores e utilizando solucións creativas a problemas comúns. 

Pilar Muñoz, docente do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, investigadora principal da Universidade de Vigo no proxecto, destaca que se inventariará “o patrimonio inmaterial de cada zona e realizarase un plan de sostibilidade para conter posibles impactos do turismo sobre o patrimonio”. Explica a docente que “estas seis zonas atlánticas teñen entre elas moitos vínculos culturais comúns, con similitudes no patrimonio inmaterial da área atlántica relativa á carpintería de ribeira, o téxtil ou a navegación, adaptado en cada caso á contorna natural de seu”. O que se pretende, puntualiza, “é levar a cabo un proxecto piloto no que se determinen boas prácticas turísticas relativas ao patrimonio cultural e inmaterial que permita un desenvolvemento sostible da zona analizada e determinar os puntos común da área atlántica. 

Na xuntanza de lanzamento, Charlie Casey, presidente do consello do distrito de Newry, Morne e Down recoñecía neste primeiro seminario que “é xenial ver a tantas persoas de todo o distrito e da área atlántica unirse para avaliar os nosos desafíos comúns, buscar oportunidades e traballar xuntos para crear unha estratexia común coa que obter beneficios para as nosas comunidades locais e rurais. Agardo que este proxecto sexa capaz de contribuír aos negocios da zona desenvolvendo experiencias vendibles. É un concepto interesante para emparellar o desenvolvemento económico coa preservación do patrimonio cultural inmaterial e estou ansioso por ver os resultados nos próximos tres anos".

Estudar, inventariar e dar a coñecer o patrimonio inmaterial

A finalidade de AtlanticCultureScapes é apoiar ás comunidades rurais na procura dun desenvolvemento económico sostible xerado de maneira transnacional pero localmente apropiado. Deste xeito recupérase, protéxese e póñense en valor recursos culturais inspirados nas paisaxes terrestres e mariños co fin de que axuden a mellorar as vidas de quen vive, traballa e visita estas contornas. Para isto, o proxecto artellarase arredor de varias liñas de traballo. Por unha banda, potenciarase a cooperación transnacional; por outra, desenvolveranse os principios reitores para explotar de forma sostible os bens culturais para beneficio económico mentres, paralelamente, se axudar a protexer, promover e facer crecer os bens culturais e se trata de atraer novos visitantes a esta área atlántica. A idea é que a través desta explotación sostible dos recursos culturais se poida crear riqueza, emprego e aumentar o retorno económico das actividades económicas baseadas na cultura. Outro dos focos será no eido sentimental, xa que se fará o posible por “construír sobre o orgullo que a comunidade ten polos seus sitios designados e axudar a todos a obter ou recuperar sentido de lugar, unha identidade.