DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra ‘Arredor da casa’ amosa obras de 15 creadoras

Unha selección de fondos da Sala Alterarte exponse no Festival de Fotografía da Coruña

Estará na Fundación Luis Seoane ata o 8 de decembro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 15/11/2019

Baixo o título Arredor da casa. Miradas de mulleres na Colección Alterarte, unha selección de fondos da Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, exponse desde este venres no Festival de Fotografía da Coruña (Ffoco). A mostra, que está na Fundación Luis Seoane ata o 8 de decembro, amosa a obra de 15 artistas que nalgún momento expuxeron na sala ourensá e que doaron a ela algunha das súas pezas.

A exposición, que se inaugura este venres ás 20.00 h, celébrase no marco da terceira edición de Ffoco, un festival que, indican desde a organización da mostra, “tenta seguir ampliando as perspectivas sobre o medio fotográfico”. Neste contexto, Arredor da casa. Miradas de mulleres na Colección Alterarte, explica Enrique Lista, comisario da exposición, recolle diversas miradas de autoras representadas na colección construída a partir da actividade da Sala Alterarte, dedicado a amosar propostas de artistas emerxentes, moitas delas tituladas na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra.

Concretamente, a mostra conta con obras de Lidia Alonso, María Covadonga Barreiro, María Blanco, Mónica Cabo, Mar Caldas, Marta Cerviño, Olaia Fernández, Julia Ferradás, Melania Freire, Maya Kapouski, Anna Katarina Martin, Sheila Pazos, Ana Pérez-Quiroga, María Prada e Sara Sapetti. O criterio de selección de obras fotográficas dentro desta colección, indica o seu comisario, “non precisou ser forzado para favorecer a representatividade feminina, pois feminina é tamén a autoría da maioría desas obras, e tampouco resultou forzada a definición dun eixo temático, pois tamén a maioría desas imaxes xiran en torno aos espazos domésticos, aos obxectos cotiáns e ás vidas privadas”. “Lonxe de supoñer isto un pregamento ao marco dos roles femininos socialmente asignados, ábrese un terreo de propostas que poñen en cuestión eses mesmos roles”, afirma Enrique Lista.