DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Francisco Javier Álvarez, catedrático de Dereito Penal, foi o encargado de impartilo

Un seminario afonda na “debilidade” do Código Penal fronte aos delitos sexuais

Na súa intervención destacou a importancia da súa reforma

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 05/02/2020

O coñecido como caso da manada e outros similares que lle seguiron, levaron ao debate público como a xustiza afronta o castigo das agresións e abusos sexuais. Co obxectivo de analizar a evolución histórica da consideración penal destes delitos, as súas cuestións máis controvertidas e as propostas de reforma existentes, este mércores a Facultade de Dereito do campus de Ourense organizou un seminario no que Francisco Javier Álvarez, catedrático de Dereito Penal da Universidad Carlos III de Madrid, puxo en evidencia a “debilidade” do Código Penal español á hora de xulgar a violencia contra as mulleres.

O seminario, titulado Agresión e abusos sexuais: evolución histórica, algunhas cuestións controvertidas e propostas de reforma, foi presentado por Inés Iglesias Canle, profesora de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, que destacou na súa intervención a actualidade e relevancia do tema a abordar pero tamén a súa complexidade. Neste marco de traballo, Francisco Javier Álvarez propúxose na súa intervención tratar co alumnado e profesorado presente “os puntos que están en revisión hoxe en día do Código Penal, fundamentalmente os referidos neste caso a delitos sexuais”.

Segundo explicou o experto antes da celebración do seminario, “todos sabemos, sobre todo despois da polémica que se creou co caso da manada dos San Fermíns, ao que seguiron outras manadas, a debilidade do Código Penal á hora de responder a ese tipo de ataques”. Esa debilidade, afirmou o catedrático de Dereito Penal, “non é un problema dos xuíces, de que interpreten isto ou o outro, como acontece noutros casos, o problema é que esencialmente o Código Penal está mal feito”. Esta deficiencia, destacou, “vense denunciado desde hai vinte e tantos anos” pero, advertiu, non foi considerada polos políticos ata a actualidade. “O que pasou é que neste caso rebentaron as costuras do Código Penal nun tema obviamente fundamental”, indicou referíndose ao cambio que supuxo o acontecido no caso da manada.

Unha reforma pendente

No tratamento de delitos sexuais como o xulgado no caso da manada, salientou Francisco Javier Álvarez, “fallou o Código Penal, o Código Penal de 1995, e onde fallou foi á hora de onde colocar as cousas”. A polémica existente na actualidade neste eido, indicou, “é unha polémica que non se orixinaba antes do Código Penal do 95 porque con anterioridade a ese código as cousas estaban ben colocadas, desde século e medio atrás”. Segundo explicou o relator na súa visita ao campus de Ourense, a problemática no eido dos delitos sexuais “non é tanto un problema de que se entende por agresión ou que se entende por abuso, ou que se entende por violencia, senón que é unha cuestión de recolocar as cousas, sobre todo recolocar o que se debe castigar coa pena máis grave, xa sexa violencia, xa sexa intimidación ou xa sexa estes con abuso de drogas”.

Así, recalcou o catedrático, a reforma do Código Penal debe centrarse en “ver onde se pon cada cousa e con que pena se castiga”. Neste senso, o experto explicou como “se se trata dunha agresión violenta obviamente esa agresión non se pode levar a cabo nun sitio público porque todo o mundo o impediría pero se se lle proporciona unha substancia química á muller sáese da man con ela da discoteca, ninguén se dá conta de que aí hai algo, e se ataca. Iso é o que hai que recolocar”. Tendo en conta o que “fallou” no caso da manada e noutro delitos sexuais, “o que se pretende agora”, indicou Francisco Javier Álvarez, “é que se castigue coa pena maior todos aqueles casos nos que a unha persoa se lle dá calquera droga e se lle deixa inerme en mans do seu agresor”.

Sobre a posible reforma do tratamento xurídico destes delitos, Francisco Javier Álvarez apuntou como “o goberno parece que se puxo as pilas para efectuar unha reforma do Código Penal en materia sexual”. Así, indicou como na súa opinión “hai dous ou tres temas a considerar a efectos dunha reforma urxente” desta norma, citando ademais dos delitos sexuais, os delitos políticos e de maltrato animal. No caso das agresións ou abusos sexuais, afirmou, “si ou si” a reforma vai ter que ir enfocada a ditar as penas máis graves nos casos que impliquen o abuso de persoas que, por exemplo polo uso de drogas, están enaxenadas ou con perda de sentido etc.