DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Soledad Penalta doa unha obra súa con este título ao campus

Siluetas de cinza tentan abandonar o círculo

No peche da súa mostra na Sala Alterarte 'Utopía ou distopía'

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 11/04/2019

Cada artista que expón na Sala Alterarte do campus de Ourense ao remate da mostra doa á institución académica unha das pezas que formou parte dela. A artista que protagonizou a última das exposicións, Soledad Penalta, membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia, entregou este xoves a súa peza, titulada Siluetas de cinza tentan abandonar o círculo, coa particularidade de que foi feita especificamente pola artista para a ocasión.

No acto de entrega, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, quixo agradecer á artista “non só o bonita que foi a exposición senón tamén que dedicou o seu tempo a facer unha obra nova para cedérnola”. Segundo explicou Soledad Penalta, as pezas de Utopía ou distopía, a mostra que expuxo en Alterarte desde o 8 de febreiro ata este xoves e da que foi comisario o crítico e historiador da arte Xabier Limia de Gardón, “eran parte dunha idea, dun todo, que non se podía rachar quitando unha das obras” polo que decidiu facer unha escultura especificamente para entregar ao campus. Nela, apuntou, “reflexiono sobre a idea do ser, do home, sobre o intento de acadar as metas, a utopía … e a dificultade para facelo”.

A obra, comentou a creadora, está na mesma liña que a mostra que estivo na Sala Alterarte xa que, recalcou, “sempre traballo sobre o mesmo, a miña filosofía, a miña forma de vida e toda a miña obra xira arredor do ser humano, do seu comportamento, a súa proxección, o porqué estamos aquí”. Moi satisfeita co feito de que a súa obra pase a formar parte do patrimonio da Universidade, Soledad Penalta amosou o seu desexo de que a comunidade universitaria poida a partir de agora ver Siluetas de cinza tentan abandonar o círculo nalgún dos edificios do campus.