DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será este mércores ás 17.30 horas no auditorio do edificio Cambón

Sindicatos, patronal e Universidade analizan nunha xornada a situación do galego nas relacións laborais

Intervirán representantes dos sindicatos CCOO, CUT, CIG e UXT

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI 12/03/2019

Representantes dos sindicatos CCOO, CUT, CIG, UXT, da Confederación de Empresarios de Pontevedra e da propia Universidade de Vigo participarán este mércores nunha xornada na que se tratará de tomar o pulso á actual situación do galego nas relacións laborais. Organizada pola Área de Normalización Lingüística, esta actividade tratará de afondar no valor de uso que teñen hoxe en día nas relacións de traballo as dúas linguas oficiais de Galicia, o castelán e o galego, “unha lingua minorizada sobre cuxos falantes aínda se divulgan prexuízos e estigmas inconcibíbeis neste século XXI”, explica o director da ANL, Fernando Ramallo.

A cita será este mércores 13 de marzo ás 17.30 horas no auditorio do edificio Cambón (rúa Oliva, 3) e arrancará cunha breve presentación que correrá a cargo da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que dará paso a unha mesa redonda con participantes dos sindicatos, a patronal e a Universidade e que será moderada pola presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Verónica Martínez, e o director da ANL, Fernando Ramallo.

“O uso do galego nas relacións laborais constitúe un indicador moi relevante para comprender o momento histórico no que se atopa a nosa lingua”, explica Ramallo, quen fai fincapé en que a vitalidade dun idioma depende, “en boa medida”, da súa presenza no eido socioeconómico, no que se desenvolve o seu día a día unha parte moi importante da poboación. “Tan certo é que a economía inflúe nas linguas como que as linguas inflúen na economía, nomeadamente aquelas consideradas linguas globais, pero non só”, recalca Ramallo, membro do Comité de expertos sobre linguas rexionais e minoritarias do Consello de Europa.

F. Ramallo: “Cómpre poñer en marcha todas as medidas necesarias para garantir a non discriminación do galego”

A posta en marcha desta xornada xurde ante a necesidade de facer unha reflexión continúa sobre esta temática. Trátase, a xuízo dos organizadores, de obter unha avaliación certeira da políticas lingüísticas, xa sexan públicas, xa dependan directamente das actividades empresariais e sindicais; e, tamén, de que todo isto sirva para sacar conclusións que permitan poñer en marcha as condicións precisas para mellorar a presenza do galego en toda a vida económica. Así, de acordo co artigo 13 da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, ratificada polo Estado español en 2001, “cómpre, entre outras cousas, poñer en marcha todas as medidas necesarias para garantir a non discriminación do galego nas relacións laborais e para fomentar o seu emprego no conxunto das actividades económicas”, recalcou Ramallo.

A mesa redonda contará coa participación de Puri Bernárdez, responsable de Muller e Igualdade de CCOO Vigo; Ricardo Castro, secretario xeral da CUT; Jorge Cebreiros, presidenta da Confederación de Empresarios de Pontevedra; Berto González, secretario comarcal da CIG; Rubén Pérez, secretario xeral da Federación de Industria UXT Vigo, e de Raquel Souto, xerenta da Universidade de vigo.