DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolleu un obradoiro de graffiti dentro da programación promovida pola Vicerreitoría

Sprays para deixar unha pegada de creatividade e innovación 

Este xoves levarase a cabo no campus un mural con material de refugallo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/04/2019

Diferentes actividades abertas tanto á comunidade universitaria como ao conxunto da cidadanía integran o programa da Semana da Creatividade e da Innovación, que a Vicerreitoría do campus impulsa no marco do Campus Crea e no que se insire o obradoiro de graffiti que este mércores convidou á comunidade universitaria a deixar a súa pegada, spray en man, no mural que ao longo da mañá se realizou diante da Facultade de Fisioterapia. Do mesmo xeito e buscando tamén á participación do alumnado, este xoves terá lugar no campus a creación dun mural con material de refugallo, á vez que a comunidade universitaria terá na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a oportunidade de achegarse á realidade virtual.

Un cerebro voando a lombos dun lapis de cor constituía o motivo central do mural deseñadp por integrantes de Vella Escola, entidade especializada en actividades relacionadas coa cultura urbana; un mural non obstante aberto ás achegas e modificacións de todos aqueles e aquelas que quixesen sumarse. “Partimos dunhas ideas básicas en referencia á temática da semana, pero dependendo da creatividade dos participantes o mural irá un pouco para un lado ou para outro”, salientaba Pablo Castiñeira ao inicio dunha actividade dirixida “a achegar o graffiti ao público xeral”.

Un mural que poderá verse desde o aire

No programa desta semana insírese o obradoiro Mural en perspectiva Artland, que se levará a cabo ao longo da mañá deste xoves na estrada central do campus. Valéndose de diferentes materiais de refugallo, crearase nun treito desta estrada, que permanecerá pechado ao tráfico, un muro coas palabras "crea e innova", que quedarán rexistradas das imaxes aéreas que se tomarán desde un drone. Así mesmo, entre as 9.00 e ás 17.00 horas, a comunidade universitaria terá tamén a oportunidade de achegarse ao mundo da realidade virtual a través duns lentes HTC Vive, coas que poderán vivir diferentes experiencias relacionadas co deporte e co mundo das artes e a creatividade, nunha actividade que terá lugar en Ciencias da Educación e do Deporte.

“Trátase de actividades diferentes, que buscan que a xente participe e que achegan tamén unha compoñente lúdica á programación”, sinala Carlos Souto, director do Campus Crea, de propostas que se suman ás conferencias ou coloquios que se insiren nesta Semana da Creatividade e da Innovación, como as Xornadas Forestais, o relatorio sobre patentes que a directora técnica da Oficina de I+D da Universidade, Ángeles López, impartiu este martes na sede da Vicerreitoría, que acolleu tamén un coloquio sobre proxectos empresariais innovadores, coa participación de representantes de Xeométrica, Iconweb, Hifas da Terra e Estudio Bonobó. Así mesmo, desta programación forman parte tamén o obradoiro práctico de cociña saudable e tradicional que nestas semanas se desenvolve no CIFP Carlos Oroza, e o taller de oratoria emocional que imparte en CCSS e da Comunicación o experto en clown Alberto Rossel, dirixido a achegar á comunidade universitaria ferramentas que lles axuden a falar en público ou na defensa dos seus traballos académicos.

Fotografía e medio ambiente

Tamén no marco da Semana da Creatividade e da Innovación, a Vicerreitoría impulsou un concurso de fotografía en Instagram, que mantén aberta a súa participación ata o 30 de abril, e no que se convida á subir a esta rede social fotografías que relacionen o campus e calquera aspecto do seu medio ambiente e valores de compromiso ambiental, empregando a etiqueta #CreaS2i. Cada participante poderá subir un máximo de cinco fotos coas que optará a un primeiro premio consistente nunha cámara Polaroid Instax mini 9 e a dous accésit consistentes nun Google Chromecast 3.