DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Belas Artes acolle o obradoiro ‘Erro é ben’, centrado no funcionamento dunha copiadora Riso

Un taller para experimentar e errar na impresión

O obxectivo é achegar ao alumnado ás posibilidades de edición desta maquinaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Académica
DUVI Ourense 15/02/2019

Erro é ben é o título do obradoiro que, ao longo desta semana, propón na Facultade de Belas Artes un primeiro achegamento ás posibilidades de impresión dunha multicopiadora Riso, “unha especie de mini imprenta que normalmente se emprega para traballos de oficina, pero que tamén permite facer pequenas publicacións sen ter que investir moito”, salienta o investigador da facultade Marcos Covelo, responsable dun taller inserido no programa de obradoiros da Vicerreitoría para este cuadrimestre. “Nestas máquinas as tintas deixan un rexistro moi singular, moi matérico, o que as fai moi interesantes dentro das artes e expresións gráficas, pero tamén para a xente que quere facer unha pequena publicación”, engade o responsable dun taller que cubrir as súas 20 prazas na súa primeira edición e que busca tamén que o alumnado poida explorar as propias singularidades desta maquinaria, como o feito de que, tras múltiples copias, o rexistro poida desprazarse lixeiramente, así como a experimentar coas súas posibilidades de xeración de imaxes superpostas ou de impresión sobre superficies de diferentes cores e tipos de papel.

“Interésanos que haxa erros, que pasen cousas cando vas imprimindo”, salienta Covelo dun taller que xira en torno á máquina Riso SF9350 adquirida recentemente polo Departamento de Debuxo, unha copiadora na que “as tintas deixan un rexistro moi singular” e que ademais, ao imprimir en plano, fai posible o uso de papeis de múltiples gramaxes. Nese senso, Covelo centrou a primeira sesión deste taller en achegar aos e ás asistentes a historia, as características "e os pros e contras" dun tipo de maquinaria orixinario de Xapón, "que traballa en frío e que emprega tintas sustentables", así como en amosarlles unha serie de exemplos de edicións realizadas con técnicas risográficas, como o catálogo de Tecidos e vestidos no laboratorio gráfico, unha exposición que reunía as creacións de trece artistas formadas en Esdemga. 

Afondando no proceso previo

Achegar ao alumnado unha serie de nocións do traballo previo que debe realizarse coas imaxes e documentos antes da impresión, tanto con creacións físicas como con arquivos dixitais, constituía outro dos propósitos centrais deste taller. “Despois o funcionamento da máquina é moi sinxelo”, explica Covelo que nese senso guiou aos e ás asistentes na realización duns traballos prácticos nos que debían definir e imprimir imaxes dun só ton, “a través de mancha e trama”, e, nun segundo bloque, traballar as impresións a dúas cores, tamén nas modalidades de mancha e trama, tomando como punto de partid "as inquedanzas e os campos de traballo de cada un”. Xa por último, o taller que na tarde deste venres celebra a súa última sesión, pecharase coa realización “dunha pequena publicación entre nós”, que reúna as propostas das e os diferentes participantes, e “que sirva como unha especie de rexistro do que foi o taller”.

Obradoiros abertos a toda a cidadanía

Este taller insírese no programa de obradoiros, abertos ao conxunto da cidadanía, que a Vicerreitoría do campus impulsou para este segundo cuadrimestre. Con máis de 200 prazas de conxunto, nesta serie de talleres figuran diferentes propostas que manteñen aberta a súa inscrición, como é o caso dos obradoiros O coaching na aula: Mellora das túas habilidades docentes e Comunicación e linguaxe: Prepárate para a exposición en público, que se desenvolverán nos meses de marzo e abril na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. Así mesmo, tamén continúa aberta a inscrición en Corpo, espazo e movemento na práctica artística, que se desenvolverá a partires do 27 de marzo Belas Artes, no taller Comunícate coas mans II: Profundización na lingua e cultura, que arrincará en abril en Ciencias Sociais e da Comunicación, e nunha nova edición de Iniciación á escalada en rocódromo, en Ciencias da Educación e do Deporte.