DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous profesores da cidade polaca de Toruń visitaron esta semana o campus

Da terra de Copérnico a Ourense para coñecer a súa Facultade de Ciencias da Educación

Co obxectivo de estreitar a relación existente con este centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 07/02/2019

Esta semana a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense tivo a visita de dous profesores do Kolegium Jagiellonskie, da cidade polaca de Torun. Adam Machowski, docente de ética e filosofía na Facultade de Pedagoxía desa universidade privada, e Grzegorz Górski, profesor de dereito internacional, compartiron reunións con profesorado do campus e clases con alumnado de Ciencias da Educación. “Viñemos para coñecer a realidade do campus de Ourense, sobre todo da súa Facultade de Ciencias da Educación, pois a nosa universidade aínda que é máis pequena, sobre mil estudantes, ten unha Facultade de Pedagoxía forte. Queriamos coñecer o seu ambiente e compartir as nosas experiencias e investigacións co profesorado de aquí”, explicou Adam Machowski. O contacto coa institución polaca, apuntou Xosé Manuel Cid, vicedecano de Ciencias da Educación, xorde do intercambio de alumnado que hai con ese centro polaco desde hai tres anos, estando na actualidade catro estudantes do campus alí.