DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi realizada pola investigadora da UVigo Noelia Briz

Unha tese afonda nos efectos dos funxicidas de nova xeración sobre a composición fenólica e cor dos viños tintos

O impacto depende en gran medida da variedade de uva e dos fermentos empregados

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 28/07/2020

“Proporcionar un maior coñecemento sobre como os funxicidas utilizados no cultivo da vide inflúen na calidade organoléptica (composición fenólica e cor) dos viños e no metabolismo dos fermentos encargados de levar a cabo a fermentación alcohólica”. Este foi o obxectivo da tese de doutoramento da investigadora Noelia Briz. Os seus resultados apuntan a que os cambios provocados dependen en gran medida da variedade de uva e tipo de fermento empregados.

A tese, presentada este curso académico na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, estivo dirixida por Raquel Rial e Jesús Simal e levou por título Efectos dos funxicidas de nova xeración sobre o proteoma de lévedos fermentativos e o metaboloma fenólico con influencia na cor de viños tintos. “Na actualidade existe unha maior concienciación sobre as repercusións do uso de produtos fitosanitarios para o control das diferentes pragas e enfermidades dos cultivos. Na Unión Europea están a desenvolverse políticas encamiñadas a reducir o uso dos mesmos co fin de, por unha banda, evitar problemas ambientais e, por outro, minimizar a cantidade de residuos destas sustancias que chega á cadea alimentaria”, comenta Noelia Briz. A lexislación vixente, destaca, “é moi esixente no que ao establecemento de límites máximos de residuos en alimentos se refire, polo que a calidade hixiénico-sanitaria dos alimentos está asegurada. Con todo, a fin de poder competir nun mercado cada vez máis esixente, é necesario tamén garantir a calidade organoléptica dos mesmos”.

Dous bloques de traballo

Tendo en conta este marco de traballo, a tese de Noelia Briz estruturouse en dous bloques. No primeiro, explica a xa doutora, avaliouse o efecto dos funxicidas sobre o perfil fenólico e a cor de viños tintos monovarietais. “Para iso, leváronse a cabo diferentes procesos de vinificación en ausencia e presenza de diversos funxicidas (a distintos niveis de concentración e avaliando tamén a sustancia activa fronte ao produto comercial). Así mesmo, empregáronse tamén diferentes variedades de uva tinta procedentes de distintas rexións de España”, indica. Na investigación, detalla, empregáronse diferentes métodos analíticos para a extracción, identificación e cuantificación dos compostos fenólicos por cromatografía líquida, así como para a caracterización da cor dos viños mediante a determinación de distintos parámetros espectrofotométricos. 

Os resultados neste primeiro bloque, resume esta enxeñeira técnica agrícola, “poñen de manifesto que a presenza de residuos de funxicidas pode alterar o perfil fenólico e, polo tanto, a cor dos viños”. Estes cambios, sinala, dependen en gran medida da variedade de uva utilizada, así como doutros factores como o tipo de fermento encargado de levar a cabo a fermentación. “Os funxicidas que máis alteraron o contido en polifenois dos viños analizados foron a mepanipirina e a mestura de boscalida e cresoxim-metilo, afectando de maneira especial tanto á concentración de antocianinas como á súa distribución. Ademais, a presenza destes funxicidas provocou tamén importantes modificacións no perfil cromático dos viños, con variacións nos parámetros de saturación, luminosidade e ton”, explica Noelia Briz.

Nun segundo bloque da investigación estudouse o impacto da presenza de funxicidas no medio fermentativo sobre o perfil proteico do fermento S. Cerevisiae Lalvin T73™. Para iso, leváronse a cabo diferentes ensaios fermentativos a escala laboratorio en presenza das moléculas mepanipirina e tetraconazol a distintos niveis de concentración e avaliando tanto a sustancia activa coma o produto comercial. Tras a extracción e purificación do material proteico, comparouse o proteoma dos fermentos medrados en presenza e ausencia de funxicidas o que permitiu determinar os cambios metabólicos sufridos a nivel celular. "As rutas máis afectadas pola presenza destes funxicidas foron as relacionadas co metabolismo de compostos nitroxenados, especialmente a biosíntese de aminoácidos e nucleótidos. Estas rutas gardan unha estreita relación coa produción de compostos aromáticos importantes para a calidade organoléptica do viño", comenta Noelia Briz. Así mesmo, engade a investigadora, "tamén se observou como o funxicida tetraconazol pode alterar a ruta de biosíntese de ergosterol (un esterol clave nas membranas dos fermentos) e, nalgúns casos, incluso inhibir a progresión do ciclo celular, o que pode orixinar unha menor taxa de crecementos dos fermentos".