DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estas especies exóticas alteran de forma severa as interaccións bióticas e os ecosistemas

Unha tese demostra que as acacias invasoras reducen a abundancia e a riqueza de especies de invertebrados

O estudo de Jonatan Rodríguez obtén datos similares co Carpobrotus edulis ou unlla de gato

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/04/2020

O impacto que as plantas invasoras teñen sobre as especies autóctonas é eido de estudo que nos últimos foi cobrando moito protagonismo entre a comunidade científica. Pero a capacidade de expansión destas plantas ten consecuencias máis aló das interaccións planta/planta e planta/herbívoro, xa que poden provocan alteracións tamén nas comunidades de invertebrados. Así o demostran os resultados da tese de doutoramento do investigador da Universidade de Vigo Jonatan Rodríguez titulada No way back: changes in biotic interactions promoted by invasive alien plants, dirixida polos profesores Luis González e Adolfo Cordero.

Na súa investigación centrouse en tres especies leñosas do xénero Acacia (Acacia dealbata ou mimosa, Acacia longifolia e Acacia melanoxylon ou acacia negra–) e a planta suculenta Carpobrotus edulis, coñecida como unlla de gato. O estudo conclúe que as plantas exóticas invasoras estudadas “alteran de forma severa as interaccións bióticas, manifestando unha vez máis que son especies capaces de modificar as condicións dos ecosistemas”. Jonatan Rodríguez puntualiza que algúns autores sosteñen que a biodiversidade pode non verse afectada negativamente polas invasións de plantas, non obstante, “cos resultados presentados nesta tese, podería asegurar que non só se dá unha redución da diversidade taxonómica, senón que tamén se dan cambios na composición de especies de invertebrados, debido ao reemprazo de especies nativas por especies exóticas”.

E é que segundo demostra o investigador da UVigo, as invasións de reducen significativamente a abundancia e a riqueza das comunidades de herbívoros e isto podería supor cambios severos nas comunidade de insectos, modificando as interaccións bióticas e alterando a diversidade funcional. O estudo tamén comprobou que os herbívoros exóticos se están expandindo “grazas á presenza destes novos hospedadores invasores”, dos que obteñen alimento e hábitat, “o que supón un risco debido ao seu aumento poboacional”. 

Especies introducidas intencionadamente con fins ornamentais

Para a realización desta tese de doutoramento, Rodríguez realizou estudos de campo no noroeste da península ibérica, “zona na que se atopan algunhas das especies de plantas invasoras máis problemáticas” e en Sudáfrica, “para avaliar que especies de invertebrados conviven coa unlla de gato na súa orixe nativa e comparalo cos invertebrados que conviven con esta especie na península ibérica”.

As tres especies de acacias estudadas (A. dealbata, A. longifolia e A. melanoxylon) foron introducidas intencionalmente en Europa durante a primeira metade do século XIX, como explica o investigador, para ser usadas en silvicultura, estabilización de solos e ornamentación. Están consideradas como unhas máis problemáticas do mundo, xa que “poden transformar os hábitats de forma severa conducindo a unha gran perda de biodiversidade”. De feito, o investigador remarca que “son capaces de formar densas masas monoespecíficas que reducen o paso da luz no sotobosque, afectando á diversidade e cobertura de plantas nativas”. Pola súa banda, a introdución do C. edulis tamén foi intencionada, pero xa no século XVII con fins ornamentais, pero posteriormente “empregouse deliberadamente para a estabilización da area das dunas costeiras”. Destaca polo seu crecemento clonal “que lle permite propagarse horizontalmente formando densas masas que cobren completamente a superficie circundante e provoca variacións na dinámica das áreas invadidas, alterando a vexetación local”.

Máis investigación e máis programas de restauración

Jonatan Rodríguez considera “vital” a información que se obtén dos estudos e proxectos de investigación para definir estratexias a longo prazo para reducir a propagación e a expansión destas plantas e rexenerar as zonas afectadas, xa que estas invasións provocan “a alteración dos procesos e servizos ecosistémicos fundamentais para os organismos nativos”.  Por este motivo, considera prioritario desenvolver traballos de investigación “que establezan cales son os cambios que se producen nos ecosistemas provocados polas plantas invasoras tanto na diversidade floral como faunística, e se existen alteracións nas redes ecolóxicas”. Os datos obtidos serán “cruciais” para definir estratexias de manexo efectivas e proxectos de xestión integrada que establezan vínculos entre investigadores, cidadanía e xestores.