DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi elaborada polo profesor luso Fernando António de Oliveira Tavares

Unha tese identifica os factores de selección de albergues e hoteis ‘boutique’ en Porto

Na investigación tamén se perfilan as características dos seus clientes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Investigación
DUVI Ourense 11/02/2019

Os albergues, como opción a baixo custe, e os hoteis boutique, como elección de luxo, son dous sectores moi diferentes pero en ambos casos de grande importancia para o sector turístico actual de calquera cidade. Na súa tese de doutoramento Fernando António de Oliveira Tavares analizou os factores de selección duns e doutros na cidade de Porto, en Portugal.

A tese, presentada este curso académico na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, levou por título Hostels e hotéis boutique. Análise de fatores de seleçao na cidade de Oporto e estivo dirixida polo profesor do campus de Ourense José Antonio Fraiz. “Esta tese tivo como obxectivos coñecer e analizar os factores determinantes que caracterizan a selección dos albergues na cidade de Porto e tamén a elección dos hoteis boutique na Rexión de Porto, en Portugal”, sinala Fernando António de Oliveira Tavares. A pesar da relevancia destes sectores, o profesor do Instituto Superior de Ciéncias Empresariais e do Turismo, situado en Porto, apunta como “non hai ata a data estudos académicos que analicen os factores determinantes na elección de albergues ou hoteis de luxo, razón pola que esta investigación achega coñecemento nesta temática á comunidade científica”.

Os albergues, recolle a tese, forman parte dunha industria de baixo custe, destinada a hóspedes nun grupo de idade nova, que buscan lugares baratos, situados nos centros das cidades e en zonas históricas. Neles, as habitacións con camas e as liteiras resérvanse individualmente, sendo locais informais, orientados á aventura e onde prima a hospitalidade. Polo que respecta aos hoteis boutique, engádese no estudo, normalmente están ben localizados, cunha arquitectura única, cunha rápida e permanente dispoñibilidade do persoal e con ambientes ornamentados, exclusivos e elegantes.

A investigación fíxose cunha metodoloxía cuantitativa mediante enquisas. Para os albergues, a mostra estivo constituída por 208 enquisas a persoas aloxadas neste tipo de establecementos na cidade de Porto entre os meses de xullo, agosto e setembro de 2016. As enquisas nos hoteis boutique ascenderon a 423 e foron realizadas no mesmo período, ampliándoas a algúns municipios do distrito do Porto.

Resultados para albergues

Froito da análise dos datos obtidos das enquisas nos albergues, a tese indica que a media de idades das e dos hóspedes é de 27 anos, maioritariamente solteiros (76,9%), cuns ingresos familiares non moi elevados, que prefiren quedar en habitacións privadas a dormitorios, con estancia de dúas a tres noites. “Normalmente fan viaxes acompañados de amigos, de turismo, co obxectivo de coñecer unha nova cidade. Recorren sitios web de albergues (Booking) e utilizan o coche e o avión para viaxar”, comenta o xa doutor pola Universidade de Vigo.

A investigación identifica oito factores de selección dos albergues en función das enquisas realizadas. O primeiro deles serían os factores relacionados coa seguridade xeral do albergue, o segundo coa súa limpeza e o terceiro co mobiliario básico. O cuarto factor son os servizos de apoio a hóspedes, como o aluguer de material e o servizo de transporte; o quinto o deseño e o ambiente do albergue e o sexto as externalidades positivas de localización, de onde se destaca a proximidade á auga, sexa río ou mar, a xardíns, a parques públicos coidados e a outros atractivos exteriores circundantes. O sétimo factor é a convivencia e o entretemento entre hóspedes e o oitavo a seguridade física obxectiva do albergue, presentando atención a aspectos relacionados coa seguridade xeral do albergue pero tamén coa posibilidade de ter unha caixa forte individual para gardar bens e documentos persoais.

Entre os aspectos positivos recollidos nas preguntas abertas feitas na investigación, explica o autor da tese, os comentarios no caso dos albergues “centráronse no feito de ser máis baratos en comparación cos hoteis tradicionais, de ter un ambiente máis informal, da posibilidade de coñecer persoas, de ter un ambiente acolledor, unha boa localización, atmosfera e de ser frecuentados esencialmente por turistas novos. En canto aos puntos menos bos refírense sobre todo á pouca privacidade, ao ruído, á falta de limpeza dos cuartos de baño, aos baños compartidos, á desorde e á falta (ás veces) de calidade e de comodidade”.

Resultados para hoteis boutique

Na enquisa aos hoteis boutique identificouse unha media de idade de 37 anos. “Neste tipo de hotel compróbase que a maioría dos hóspedes están casados ou viven xuntos, tendo uns ingresos medios familiares máis altos que os clientes dos albergues. A maioría posúe un nivel de formación de licenciatura e pasa dúas a tres noites no hotel”, comenta o profesor Tavares.

Neste caso identificáronse sete factores de elección. O primeiro é a hospitalidade, relacionada con elementos como a comodidade e a limpeza, a calidade do servizo e a acollida. O segundo factor é a seguridade, onde se presentan aspectos como as alarmas, a vídeo vixilancia, equipos de seguridade e a vixilancia da policía nas proximidades. O terceiro aspecto ten que ver coa conveniencia para reunións, os servizos de secretaría e servizos de apoio, entre outros. O cuarto factor é a comunicación e a mercadotecnia efectuada polo hotel e o quinto está composto polas variables relacionadas coa arquitectura, coa decoración e coas excelencias do hotel. O sexto factor é o servizo de conserxe, que inclúe as cuestións relacionadas cos servizos de portaría e transporte de equipaxe, e o sétimo factor é o servizo de excelencia.