DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo fai un balance positivo da súa participación na Amazon University Esports

Thunders UVigo chega ás fases finais dos videoxogos Brawl Stars e Hearthstone da liga universitaria de e-Sports

Os últimos encontros disputaranse este venres e sábado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI 19/05/2020

Thunders UVigo, o equipo co que a Universidade de Vigo participa na Liga Universitaria de eSports de España, a Amazon University Esports, remata esta semana a competición coándose nas fases finais dos videoxogos Brawl Stars e Hearthstone e facendo un balance moi positivo do seu papel nesta liga, onde tamén competiron en Clash Royale, Counter Strike: Global Offensive, League of Legends e Teamfight Tactics. “Chegamos coas expectativas postas en alcanzar as grandes finais e vaia se o logramos”, comenta Jaime González, coordinador do equipo.

Na primeira metade da tempada, detallan desde Thunders UVigo, conseguiron clasificar ao seu equipo de Brawl Stars para a fase final, composta polas rondas de cuartos de final, semifinais e final, e na segunda metade uníronse a este logro os equipos de Clash Royale, Counter Strike e o seu xogador de Hearthstone. “Deste modo, convertémonos nunha das catro universidades a nivel estatal con maior número de representantes nas fases finais, xunto á Universidade Politécnica de Valencia, a Universidade Politécnica de Madrid e a Universidade de Barcelona”, indica Jaime González. En Clash Royale, engade, “estaríamos no Top 8 de España, en Counter Strike no Top 4 e en Brawl Stars e Hearthstone podemos resultar gañadores”. Con estes resultados, apunta, “o noso equipo está entre os dous mellores de España, igualado co da Universidade Politécnica de Valencia, que ten uns resultados similares”. 

Detrás destas boas cifras está un equipo totalmente renovado este curso académico, composto por 23 estudantes de diferentes escolas e facultades da Universidade de Vigo, que se uniron maioritariamente ao equipo o pasado mes de outubro. “Aínda que o grao de participación nas fases clasificatorias permitiunos formar equipos capaces de acadar estas metas, estamos convencidos de que aínda máis xente pode unirse nas próximas tempadas, para alcanzar equipos de incluso maior nivel e lograr grandes vitorias”, destacan desde Thunders UVigo.

Competicións en marcha

O equipo de Brawl Stars, formado por Jorge, José Ramón e Álvaro, estudantes de ADE, Tecnoloxía Industrial e Comercio, conseguiu clasificarse para a ronda final na primeira metade da tempada. Tras conseguir superar en cuartos de final ao equipo da Universidade Pública de Navarra, acadou unha praza nas semifinais estatais, onde terá que enfrontarse á Universidade de Sevilla. Esta semifinal poderá verse o sábado 23 de maio, ás 17.00 h, no canal de Twitch de Amazon University Esports. “O desempeño deste equipo ata o día de hoxe foi impecable, non tendo perdido ningún enfrontamento directo en toda a tempada, polo que esperamos que siga así e poidamos alcanzar grandes metas”, comenta o coordinador de Thunders UVigo.

Tamén está pendente de rematar a súa participación na Amazon University Esports Rubén Novoa, alumno de Enxeñaría Informática do campus de Ourense, clasificado para a final estatal de Hearthstone. “Síntome orgulloso xa que me propuxera a competición como algo para pasar o tempo. Ao ver que fun acadando maiores metas, tiven que empezar a prepararme moito máis e ao final o traballo deu os seus froitos”, sinala Novoa, que lembra como se decantou por xogar a Hearthstone pois seguía a diferentes profesionais e tiña curiosidade por ver como era unha competición oficial dende o punto de vista do xogador. Na final terá que enfrontarse a Matías Rodríguez ‘Maneti’, da Universidade de Valencia, que actualmente ostenta o título de campión de Hearthstone de Amazon University Esports. “Somos conscientes de que é o rival máis forte que podemos atopar na competición, pero Rubén chega coa motivación necesaria para lanzarse á partida e loitar polo título”, engade Jaime González. A final disputarase o vernes 22 de maio ás 11.00 h, pola mesma canle de Twitch.

Competicións xa rematadas 

Noutras dúas competicións nas que Thunders UVigo chegou ás fases finais, os representantes da Universidade de Vigo xa remataron a súa participación. O equipo en Clash Royale, formado por David, Edgar, Eduardo e Abel, estudantes de ADE, Tecnoloxía Industrial e Telecomunicación, clasificouse para a ronda final na segunda metade da tempada, sendo superados en cuartos de final polo representante da Universidade de Zaragoza. “Aínda que o noso camiño rematase en cuartos, o traballo que realizaron os nosos xogadores, tendo que remar durante toda a tempada con cambios na plantilla á metade e disputando cada partido ao máximo, é motivo máis que de orgullo”, sinala Jaime González.

Polo que respecta ao equipo participante na Counter Strike: Global Offensive, estivo formado por Iago e Borja, estudantes de Electrónica Industrial e Automática, e Carmelo, Daniel, Iago e Sixto, de Telecomunicación. “Foi sen dúbida algunha a sorpresa da tempada. Este grupo formouse a poucos días de pechar os prazos de inscrición da segunda metade da tempada”, comentan desde Thunders UVigo. A pesar de ser un “equipo que nunca xogara en conxunto”, engaden, “cunha disciplina de traballo e esforzo avanzaron durante a competición, derrotando a todos os rivais no seu camiño ata alcanzar as semifinais estatais”, onde perderon fronte á Universidade Politécnica de Valencia tras tres “emocionantes e axustadísimos partidos”.