DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a celebración dunha nova edición do curso de monitores e monitoras

Tres meses para aprender a dinamizar o tempo libre de todo tipo de colectivos

A actividade está organizada pola escola Estou

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
DUVI Ourense 19/02/2020

Desde o pasado 7 de febreiro e ata o 5 de abril, o campus de Ourense acolle a celebración dunha nova edición do Curso de monitores e monitoras de actividades de tempo libre, que forma parte da programación da Escola Universitaria de Tempo Libre do Campus de Ourense (Estou). Cada semana, 25 persoas fórmanse nas instalacións universitarias co obxectivo de aprender a dinamizar todo tipo de colectivos, desde os máis novos aos máis maiores.

A formación, que consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, ten lugar os venres, sábados e domingos en instalacións do campus de Ourense e a súa contorna. Sobre o perfil de persoas inscritas, desde a organización do curso o educador social Millán Brea indica como “de novo, é moi heteroxéneo, tendo perfiles de diversas carreiras do campus de Ourense, como son Educación Infantil e Primaria, Educación Social e Traballo Social”. Tamén, engade, a actividade conta coa participación de egresadas destas titulacións, “que consideran esta formación importantísima no seu proceso de reciclaxe e formación permanente”. Ao rematar a formación, as e os participantes que cumpran os requisitos obteñen un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Valores, diversidade e maiores

A docencia da actividade corre a cargo non só profesionais do eido educativo ou da intervención social senón tamén profesionais do eido da historia ou do turismo e persoas que teñen un papel activo na entidade organizadora. Cun enfoque principalmente práctico e orientado á empregabilidade das e dos participantes, os contidos que se abordan ao longo da formación abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental.  

Entre outros aspectos, recalca o educador social Millán Brea en nome da entidade organizadora, neste curso “insistimos na importancia de módulos como o de educación en valores, o de intervención con persoas maiores e o de persoas con diversidade funcional”. As e os monitores de tempo libre, recalca, “non deben centrarse unicamente en campamentos e traballo con crianzas, senón que deben ser capaces de ter ferramentas que faciliten a súa intervención con un abano máis grande de colectivos”. Respecto aos contidos do curso, Millán Brea indica que como novidade nesta edición “estamos a crear unha canle de Youtube con metodoloxía didáctica, xogos e cancións, para que a xente poida empregalos como recursos en galego no futuro”.

As persoas interesadas en asistir a unha nova edición deste curso, indican desde a súa organización, terán de novo outra oportunidade nas edicións intensivas que se celebran nos meses de xuño e xullo. As 25 prazas dispoñibles en cada edición, detallan desde a organización da actividade, esgótanse axiña tendo en conta como “este curso é un dos máis recoñecidos pola súa calidade na comunidade galega”. Ademais, lembran como esta iniciativa ten a particularidade de que ofrece a posibilidade de pagar parte dos 150 euros que custa a súa matrícula en “moeda social”, coa colaboración en actividades da entidade organizadora.