DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carla Díaz obtivo o primeiro premio do certame promovido pola Vicerreitoría en Instagram

Tres olladas ao campus, premiadas no concurso de fotografía da Semana da Creatividade e da Innovación

Alejandra Díaz e Isabel Diéguez foron recoñecidas como finalistas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Medio Ambiente
  • Premios
  • Cultura
DUVI Pontevedra 21/05/2019

Realizar e subir á rede social Instagram fotografías que relacionasen o campus de Pontevedra con calquera aspecto do seu medio ambiente, os seus valores de compromiso ambiental, prácticas saudables, biodiversidade, natureza... Esa era a invitación que a Vicerreitoría do campus realizou, no marco das actividades da Semana da Creatividade e da Innovación, a través dun concurso de fotografía que este martes celebraba a súa entrega de premios. Unha fotografía que buscaba retratar dunha “maneira non obvia” a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da estudante deste centro Carla Díaz foi seleccionada como gañadora dun certame no que o segundo premio foi para a súa irmá, Alejandra Díaz, e o terceiro para a estudante de Fisioterapia Isabel Diéguez.

Preto de 40 persoas, que publicaron na rede máis de 50 fotografías coa etiqueta #CreaS2i, participaron nun certame que propuña unha temática aberta vinculada ao campus e a sustentabilidade e no que a selección das imaxes gañadoras correspondeu a un xurado integrado por membros da comisión técnica do Campus Crea S2i. O vicerreitor do campus, Jorge Soto; o director do Campus Crea e Green Campus, Carlos Souto, e a bolseira da Vicerreitoría Sara Puente foron os responsables nesta xornada de entregar ás gañadoras un primeiro premio consistente nunha cámara Polaroid Instax Mini 9 e outros dous galardóns consistentes nun Google Chromecast no marco dun encontro coas finalistas dun certame que mantivo aberta a súa participación entre o 8 e o 30 de abril.

Tres imaxes tomadas no campus

Alumna do grao en Educación Primaria, Carla Díaz Vidal valeuse duns lentes para retratar o centro no que se forma na fotografía gañadora, “na que quería xogar un pouco cos reflexos e coa luz, para mostrar a facultade e darlle protagonismo, pero dunha maneira non obvia”. O seu interese tanto pola fotografía como polo medio ambiente foi o que levou a esta alumna non só a participar no concurso senón a animar tamén a facelo a súa irmá Alejandra, gañadora do segundo premio cunha imaxe tomada tamén no exterior deste centro. “Estivemos alí probando varias cousas e foi o que xurdiu, a verdade é que no campus hai lugares moi bonitos”, apunta Alejandra, quen participaba por primeira vez nun concurso de fotografía.

Tomada tamén no campus, unha fotografía que presenta unhas flores nunha man, coas que, xunto cunhas gotas de auga, buscaba “representar a natureza” valeulle por outra banda a Isabel Diéguez o terceiro premio dun concurso no que foron as súas amizades que a animaron a participar, “aínda que me gusta moito a fotografía”, recoñece.