DUVI

Diario da Universidade de Vigo

EscudoCovid19 xa conta coa participación de máis de 35 empresas de toda España

Universidade e Asime suman forzas para producir e distribuír pantallas de protección facial contra o coronarvirus 

A primeira preserie de Galicia con 1000 pantallas entregarase a semana que vén

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI 26/03/2020

Unha iniciativa popular e sen ánimo de lucro destinada a loitar contra o coronavirus, co obxectivo de deseñar, producir e distribuír pantallas de protección facial para centros sanitarios, corpos e forzas de seguridade do estado e demais actores que loitan contra a pandemia. Isto é EscudoCovid19, unha idea nacida na Universidade de Vigo, da man de José Luis Martínez Lastra, director do centro de investigación Cintecx, quen ademais coordinou para Galicia o proceso de deseño, produción e loxística da pantalla, xunto a outros investigadores do propio centro e do campus de especialización Vigo Tecnolóxico. “En situacións excepcionais como esta, necesítanse solucións diferentes, onde acheguemos valor de xeito rápido e sinxelo. A Universidade de Vigo, como axente xerador e posuidor de coñecemento, está ao servizo da sociedade e neste intre, quixemos contribuír cunha implicación maior e directa a través desta iniciativa”, explica Lastra, que tamén sinala que a clave do proceso é un deseño minimalista, que posibilita tempos de produción mínimos, en contraposición a outro tipo de procesos con tempos e prezos moi elevados.

Pola súa banda, Asime uniuse á causa desde un principio, achegando a súa capacidade como subministrador de material e mobilizando ao tecido empresarial galego para impulsar a rápida implementación do proxecto. Enrique Mallón, secretario xeral de Asime, asegura que “desde Asime, unha organización que integra a máis de 600 empresas, entendemos que a nosa industria debe estar á altura das circunstancias. Por iso decidimos impulsar esta iniciativa desde un principio, con toda a nosa capacidade económica e tamén produtiva e de fabricación. Só xuntos, unindo forzas nestes delicados momentos, conseguiremos contribuír á loita contra esta pandemia”. 

Ata este momento colaboraron con EscudoCovid19 en Galicia unha decena de empresas, entre as que se atopan Toqueles Galicia, Valver, Dalot, KPfilms (Portugal), entre outras, realizando tarefas de subministro de materia prima, fabricación de ferramenta, produción e loxística.

Unha iniciativa artellada mediante unha plataforma dixital 

EscudoCovid19 articúlase mediante unha plataforma dixital onde provedores de materia prima e ferramentas, centros de produción e medios loxísticos ofrecen os seus recursos e tempo para fabricar y distribuír os protectores faciais. O traballo desenvolvido ata agora en Galicia permitirá que a primeira preserie de 1000 pantallas se entregue principios da vindeira semana en centros da comunidade autónoma, estimándose que, cos medios actuais, a produción total acadará as 10.000 . Así mesmo, co proceso deseñado a produción podería estenderse a centos de miles en toda España.