DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa e Manuel Baltar asinaron este xoves un convenio dotado con 150.000 euros

Universidade e Deputación acordan un plan de accións para fomentar o desenvolvemento rural

Entre as medidas están a creación dun observatorio de investigación e un encontro internacional

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 26/09/2019

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, asinaron este xoves un convenio de colaboración para a creación do Observatorio de Investigación Rural, para o que a Deputación achega 150.000 euros, e para cooperar en programas de emprego, apoio á natalidade e desenvolvemento rural. Unha das principais iniciativas que contempla o convenio é a organización do encontro internacional Ourense Rural Summit, que pretende reunir a finais de outubro “aos principais expertos europeos sobre reto demográfico, medio ambiente, cooperativismo e economía rural”.
 
O acordo asinado regula a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense para “executar accións destinadas á contribución ao desenvolvemento social, educativo, demográfico e económico do medio rural mediante a creación do Observatorio de Investigación Rural na provincia de Ourense”. Tralo acto de sinatura, no que tamén estiveron Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Maribel Doval, vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade, e Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade de Vigo, os representantes das dúas institucións coincidiron en destacar o interese desta cooperación para “favorecer o desenvolvemento integral e inclusivo do medio rural na provincia de Ourense”.

Múltiples obxectivos

O Observatorio de Investigación Rural, sinalan en nota de prensa desde o órgano provincial, “ten vocación internacional e investigadora e está en liña co reto demográfico que Galicia e Europa acusan especialmente, polo que procurará unha aplicación práctica do coñecemento que reside na Universidade de Vigo en proveito da sociedade, contribuíndo ao crecemento intelixente, sostible e inclusivo de Ourense, Galicia e Europa fomentando a creación de emprego rural”. Os obxectivos deste instrumento son preparar e desenvolver proxectos colaborativos de investigación, cooperación e innovación relacionados co medio rural coa participación dos investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo co fin de dar resposta ás necesidades sociais máis importantes do mundo rural e organizar actividades científicas, tales como congresos, cursos, conferencias, simposios ou seminarios. Neste contexto, o encontro internacional previsto, engaden, “marcará a folla de ruta do Observatorio de Investigación Rural” e celebrarase do 29 ao 31 de outubro no mosteiro de Santo Estevo.
 
O observatorio, sinalan os seus promotores, tamén contempla entre os seus obxectivos pór en valor a excelencia do medio rural mediante un sistema de colaboración público-privado e académica que explore as fortalezas e potencialidades do mundo rural; ser un mecanismo de atracción do talento internacional e motor económico e dinamizador da provincia de Ourense e da poboación rural en Europa, e, seguindo a liña da Axenda 2030, promover accións en favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, o fomento da inclusión social, redución da pobreza, o desenvolvemento e sostibilidade económico-ambiental e facer fronte á crise climática no rural. A nova ferramenta, egnaden, tamén pretende desenvolver programas de investigación que favorezan o envellecemento activo e saudable e a creación dun programa interxeracional para a inclusión dos maiores no rural e pretende ser un laboratorio de ideas, experiencias e boas prácticas na contorna rural, cuxo ámbito de aplicación poida ser extrapolable fóra da provincia noutros contextos europeos e internacionais e “que será respaldado pola constitución dun Comité Internacional de Expertos e Expertas do Rural”, segundo indican desde a Deputación de Ourense.

Ademais, o Observatorio tamén, engaden desde o órgano provincial, “fomentará a cooperación transfronteriza no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no ámbito do rural e levará a cabo publicacións, traballos de investigación e actividades formativas, potenciando, asemade, o observatorio como incubadora e aceleradora, promovendo o emprendemento e novos modelos de negocio no rural, incorporando os beneficios da aplicación das tecnoloxías da información e da comunicación, das enerxías renovables, da silver economy e outros recursos sostibles”.

Alén deste observatorio, o convenio contempla, segundo indican desde a Deputación de Ourense, outras accións como un Plan de emprego vinculado ao turismo cultural e ao emprendemento, un Plan provincial de apoio á natalidade, a Rede Europea de Desenvolvemento Rural (REDR) Ourense 2015-2020, o proxecto de Provincia Smart, así como iniciativas no marco da Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal e da Axenda 2030 das Nacións Unidas.