DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada de asesoramento celebrada este venres no campus

A Universidade detalla a súa oferta académica ao persoal orientador dos institutos

O coloquio afondou tamén nas novidades da ABAU

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 24/01/2020

“As orientadoras e orientadores dos institutos son o noso principal enlace co futuro estudantado”, salienta a directora da Área de Captación de Alumnado da Universidade, Susana Rodríguez Barcia, das e os destinatarios das xornadas de asesoramento que nestas semanas se desenvolven nos tres campus da institución académica. Trala súa celebración a pasada semana en Ourense, esta iniciativa da Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria trasladouse este venres ao campus pontevedrés, onde integrantes dos equipos de orientación de centros de secundaria de diferentes municipios da comarca recibiron información da oferta académica e dos servizos da Universidade de Vigo, así como das probas de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).

As xornadas que tiveron lugar na Escola de Enxeñaría Forestal arrincaron poñendo o foco nas novidades da ABAU, da man de Marta López, da Área de Servizos á Comunidade, que buscou tamén resolver posibles dúbidas respecto dos procesos de preinscrición, admisión e matrícula. Nun segundo bloque, Rodríguez Barcia debullou a oferta académica da Universidade, “O que queremos é ninguén deixe de matricularse na Universidade de Vigo por falta de formación”, salientou ao inicio dunha xornada que buscaba nese senso incidir en que existen diferentes alternativas á hora de orientar ao alumnado “que moitas veces ten ilusión por unha titulación da que, por ter as notas de acceso moi altas, igual quedan fóra”. Por último, as xornadas completáronse achegando ás participantes, da man da técnica da área Ana Caamaño, información sobre as diferentes actividades de captación da Universidade, dos seus servizos, programación cultural e deportiva e sobre programas de mobilidade.

Con doce orientadoras inscritas, entre as participantes nunha xornada que o vindeiro venres 31 se celebrará no campus de Vigo, atopábase á orientadora do CPR Santiago Apóstol de Soutomaior, Adriana Seoane, quen destacou o positivo deste tipo de iniciativas “para estar ao tanto de todas as novidades”. Mais en concreto, Seoane buscaba obter máis información nestas xornadas sobre a ABAU, “porque é o tema que máis lle preocupa agora mesmo ao alumnado”, así como das diferentes titulacións que se imparten na institución viguesa.