DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Colocáronse 18 máquinas de autoservizo nas diferente escolas e facultades

A Universidade inicia curso con cambios no servizo de reprografía dos campus de Pontevedra e Vigo

Ponse en funcionamento un punto de atención física no centro comercial de Cidade Universitaria

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Institucional
D. Besadío DUVI 09/09/2019

A Universidade arranca o curso 2019-2020 con cambios que afectan ao servizo de reprografía que ata o de agora se viña ofrecendo en diferentes establecementos das escolas e facultades dos campus de Pontevedra e Vigo. Ante a decisión da empresa que ata agora prestaba o servizo de cesar a súa actividade, a institución académica viguesa adoptou como solución extraordinaria e temporal a colocación de 18 máquinas de autoservizo nos diferentes centros e a apertura dun punto de atención física no centro comercial da Cidade Universitaria do campus de Vigo mentres non se licite un novo servizo completo de reprografía, cuestión na que xa se está a traballar dende o goberno universitario.

A nova situación non afecta ao campus de Ourense, xa que neste caso non se dispoñía de servizo atendido, polo que a situación continuará como ata o de agora. No caso do campus de Vigo colocáronse un total de 13 máquinas autoservizo, distribuídas entre as diferentes escolas e facultades,  tanto nos centros do campus como nos dous de Torrecedeira. Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e nas escolas de Enxeñería Industrial (sede campus) e Enxeñaría de Telecomunicación procedeuse á instalación de dúas máquinas en cada unha delas debido ao elevado nivel de uso do servizo nestes centros. En Pontevedra as máquinas instaláronse nas facultades de Belas Artes, Ciencias Sociais e da Comunicación, Ciencias da Educación e do Deporte, Fisioterapia e na Escola de Enxeñaría Forestal.

De cara a explicar a nova situación deste servizo, dende a Xerencia e a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade mantivéronse xa distintas reunións, entre elas unha a finais de agosto cos decanos/as, directoras/es e administradores e administradorasde centro, tanto para explicar a nova situación como para escoitar as súas suxestións sobre as diferentes necesidades que deben terse en conta á hora de licitar un novo servizo completo de reprografía. Se ben aínda se está a traballar nese novo prego de condicións, en principio debería constar, segundo se explicou nestas reunións, de tres partes: unha modalidade de pago por páxina sen opción de compra de diferentes equipos de impresión; un servizo de fotocopiadora en réxime de autoservizo e a contratación dun servizo para a comunidade universitaria de reprodución, escaneado e fotocopiado de textos, arquivos e imaxes en réxime atendido e con distribución por ámbitos.

Formacións específicas en cada centro

Para facilitar a posta en marcha do novo servizo vaise realizar unha formación específica en cada centro. Unha persoa da empresa adxudicataria desprazarase a cada escola e facultade para realizar unha demostración in situ do funcionamento da máquina e contestar as posibles dúbidas das persoas asistentes. A duración aproximada de cada visita é dunha hora podendo consultarse na propia web da Universidade o cadro de horarios nos que terá lugar dita formación. As charlas arrancarán o luns 16 ás 09.00 horas na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial.