DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Hoxe entregáronse os galardóns Incuvi-Emprende e Incuvi-Avanza 

A Universidade premia os futuros creadores de emprego de calidade 

27 estudantes e egresados da UVigo promoven unha ducia de iniciativas emprendedoras 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Emprender
  • Premios
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
DUVI 07/02/2020

Once proxectos (seis de alumnado do campus de Vigo: Clearenergy, EcoDISCARDS, Serea, NEAEduca, Logicmelt Sistemas embebidos e E-QUORN; catro de Ourense: A Raiña Lourada, VirTOU, Tax&Legal Chain e Legaletic; e un de Pontevedra: Mareira) gañaron esta edición os premios Incuvi-Emprende, que recoñecen as mellores iniciativas empresariais de base tecnolóxica e de coñecemento e que lles permitirán recibir formación, asesoría e apoio na elaboración dun plan de empresa, ademais dunha estadía por un máximo dun ano en Cidade Universitaria no campus de Vigo, na Tecnópole en Ourense e na sede de Aempe en Pontevedra. Pola súa banda, SomosTerra, proxecto de emprendemento social e colaborativo centrado no fomento da sostibilidade no territorio e adaptación da sociedade cara os escenarios de emerxencia climática e cambio global, recibiu hoxe o premio Incuvi-Avanza, destinado a apoiar a consolidación do proxecto, que previamente pasou polo programa Incuvi-Emprende, proporcionándolle un servizo de asesoramento personalizado, unha axuda económica para subvencionar custos relacionados coa constitución da empresa e un espazo de traballo en Porto do Molle, durante un ano. 

No acto de entrega de galardóns, celebrado este mediodía na sala I do Edificio Miralles do campus vigués o reitor Manuel Reigosa, apelou ás e aos novos emprendedores para ser quen coas súas iniciativas de “crear emprego de calidade e facer unha Galicia mellor para todos”. O reitor, que lembrou o impulso que os premios recibiron na súa creación por parte do docente e investigador José Antonio Vilán, reivindicou os logros acadados pola Universidade de Vigo nos 30 anos da súa existencia, asegurando ademais que o reto da institución é “xogar un papel de dinamizador para a Galicia do futuro”. Pola súa banda, no acto que contou coa presenza de representantes das entidades públicas e privadas que colaboran cos premios, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, felicitou o alumnado premiado, ao que cualificou de “excepcional, pola vosa valentía e gañas de superación e preocupación polo voso futuro profesional” e agradeceu a implicación dos patrocinadores. Mentres, o delegado do consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asegurou que a transferencia de coñecemento só é posible a través de mozas e mozos formados na universidade e “que temos que competir con talento e emprego de calidade e aí a Universidade de Vigo xoga un papel fundamental”.

Os casos de éxito que iniciativas nacidas dos premios Incuvi-Emprende e Incuvi- Avanza acadaron, foron lembrados pola directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, que tamén agradeceu o traballo desenvolvido polos seus antecesores no cargo, Alejandro Martínez e Nacho Armesto. Como exemplo dun deses casos de éxito, Lois Alfaya, promotor de Cervexa Nasa, citou na súa intervención ante o público congregado en Miralles “a innovación, a paixón e o coñecemento”, como as fortalezas da empresa, que creou tras gañar hai catro anos un dos premios Incuvi-Emprende.

SomosTerra, avanzando cara o compromiso ambiental da sociedade  

A vaga de lumes do ano 2017 motivou a Eva López, Raquel Gómez e a outros tres estudantes da Universidade de Vigo a poñer en marcha un proxecto destinado a contribuír á adaptación ao cambio global dende a realidade local. Tras gañar un dos premios da convocatoria Incuvi-Emprende e pivotar entre máis de oito ideas de negocio diferentes, SomosTerra viu reducido o seu capital humano a Eva López e Raquel Gómez e o seu enfoque profesional á educación, sensibilización e implicación dos diferentes axentes da sociedade co obxectivo de incrementar o compromiso ambiental no seu ámbito de actuación, ofertando formación en sostenibilidade e asesoramento en desenvolvemento sostible. “Actualmente SomosTerra ten apenas dous meses de actividade empresarial. Neste punto, estamos realmente satisfeitas co volume de clientes que reclaman os nosos servizos, especialmente, o noso servizo estrela: o deseño e coordinación de programas de formación e voluntariado respondendo ás necesidades e obxectivos específicos do axente contratante”, explican Eva e Raquel.

Ao gañar o Incuvi-Avanza, SomosTerra poderá contar durante máis co asesoramento de Blublusiness, “unha oportunidade que nos favorece moitísimo, xa que o ano que se nos presenta está cargado de retos e decisións importantes. Ademais a facilidade de traballar dende unha oficina no parque empresarial de Porto do Molle resúltanos realmente práctico, xa que ambas promotoras vivimos preto”, sinalan as emprendedoras, que se coñeceron cando estudaban o cuarto curso do Grao en Bioloxía e que tamén valoran de xeito moi positivo “o alivio importante que supón a axuda económica do premio para os gastos de constitución da empresa”.

Media ducia de iniciativas emprendedoras con selo vigués

Seis proxectos ideados por estudantes do campus de Vigo acadaron os premios Incuvi-Emprende na súa oitava edición. Desde un sistema de baterías cargadas por enerxías renovables para substituír os xeradores diésel en eventos ao aire libre, pasando por un produto alimenticio a partir das hifas dun fungo, ata un sistema electrónico embebido intelixente, as propostas do alumnado do campus de Vigo recibiron hoxe un recoñecemento que lles permitirá contar con asesoramento e titorización durante nove meses co obxectivo de elaborar un plan de empresa sobre os proxectos presentados. Así, EcoDISCARDS, promovido por Nicolás Fernández e Nuria Berroquero, traballará no desenvolvemento dunha medida innovadora para xestionar e pór en valor os descartes de peixe, xerados pola flotas pesqueiras, a partir da conversión desta materia prima en bionerxía. Serea de Sarai Gómez, pola súa banda, céntrase na escritura e representación de obras sobre temática social ou ambiental, para promover a educación en valores e facer uso do teatro como ferramenta social e de aprendizaxe. NEAEduca, de Alba Hidalgo, Eva Docampo, Samuel Fernández e Sara Sío, centrarase no desenvolvemento dunha plataforma dixital dirixida a diferente colectivos que ofrece información actualizada e ferramentas sobre necesidades específicas de apoio educativo, que poidan emerxer nun mesmo espazo. Logicmelt Sistemas embebidos de Roberto Fernández, Fernando Carmona e Iago Seijo, é un proxecto de deseño e fabricación dun sistema electrónico embebido intelixente que combina reducidas dimensión e consumo con alta capacidade de cálculo. Mentres, E-QUORN, promovido por Martín Rodríguez, Iria Varela, Sergio de los Santos e Daniel Varela, é un proxecto de desenvolvemento dun produto alimenticio nutritivo, rico en proteínas e fibra e con valores baixos en graxas e carbohidratos a partir das hifas dun fungo. 

A relación de proxectos gañadores dos premios Incuvi-Emprende do campus Vigo, que desenvolverán a súa actividade en Cidade Universitaria, complétase con Clearenergy, un proxecto, promovido por Gelo Cubreiro, Iago Álvarez , Alberto Goitia e Carlos Guitián, que ten o obxectivo no sector do lecer ao aire libre de substituír os xeradores diésel po sistemas de baterías cargadas por enerxías renovables. Este proxecto, que  gañou primeiro premio no concurso EDP University Challenge 2018, ten como principal vantaxe, segundo explica Gelo Cubreiro, “evitar o emprego de combustibles fósiles para obter a enerxía necesaria para eventos ao aire libre. Ademais as baterías non producen ningún ruído, ni gases nocivos, facendo posible situalos preto da zona á que abastece”. O sistema proposto por este grupo de graduados do Máster en Enxeñaría Industrial, podería abastecer a pequenas orquestras ou grupos musicais, eventos deportivos, postos de comida ambulantes, cabalgatas ou zonas illadas da rede eléctrica. Sobre as posibilidades que gañar este premio supón, Cubreiro asegura que “é unha oportunidade de madurar a nosa idea, para coñecer mellor o seu alcance e acercarnos un pouco máis á súa posta en marcha”.

Catro proxectos emprendedores en Ourense

Catro dos proxectos elixidos nesta convocatoria desenvolveranse en Ourense. A Raíña Lourada, da emprendedora Ana García, xunta a súa tradición familiar apícola co interese polo “apiturismo” nun proxecto de extracción e venta de produtos e servizos relacionados coas abellas. Pola súa banda, VirTOU, iniciativa de Daniel Álvarez, propón un servizo especializado en técnicas de virtualización en local que pretende externalizar as funcións do departamento de administración de sistemas e redes informáticas de pequenas e medianas empresas. Baixo o nome de Tax&Legal Chain, Luis Miguel Garnil aposta no seu caso por un proxecto que quere pór a disposición das empresas contratos intelixentes empregando a tecnoloxía de contabilidade distribuída aplicada ao dereito público e privado.

Tamén ao eido xurídico, pertence Legaletic, un proxecto de despacho dedicado á prestación de servizos xurídicos especializados na responsabilidade penal de persoas xurídicas e en cumprimento normativo. Promovido por Beatriz Pardo, Karen Daniela Lopera e Juan Ramón Caraballo, “a idea empresarial xurdiu hai dous anos, cando estudabamos Dereito e observamos a importancia dos programas de cumprimento normativo como causa de exención ou atenuación da pena na responsabilidade penal das persoas xurídicas”, comenta Beatriz Pardo. Como beneficiarios dos Premios Incuvi, a coordinadora do proxecto explica “que afrontamos esta nova etapa con moita ilusión e con moitas ganas de comezar, tendo en conta a dificultade e as esixencias que require pór en marcha un proxecto empresarial”. Participar nesta convocatoria, indica, daralles “a oportunidade de que a nosa iniciativa sexa coñecida polas persoas do mundo empresarial e entidades públicas de Ourense”. Ademais, engade Beatriz Pardo, “a ubicación nos viveiros da Tecnopole confiren ao noso proxecto unha vantaxe competitiva moi importante, ao estar situados no Parque Tecnolóxico de Galicia, con decenas de empresas multisectoriais ás que dirixirnos”. 

Apoio integral á investigación en Pontevedra 

Dar resposta, a través dunha “xestión integrada e multidisciplinar”, ás múltiples necesidades que poida ter un proxecto ou un grupo de investigación é a idea que sustenta Mareira, que a titulada en Ciencias do Mar Elena Fontán tratará de converter nun proxecto empresarial na sede de Aempe en Pontevedra. A idea da que parte esta iniciativa xurdiu da propia experiencia da premiada como investigadora, nos ámbitos privado e público, na que constatou como os proxectos podían verse afectados pola “falta de recursos, non só económicos, senón tamén de persoal especializado para facer traballos puntuais, como podería ser buscar máis financiamento, organizar unhas xornadas de divulgación, actualizar a web, etc”.

“De momento Mareira é unha idea”, recalca Fontán Alende, que ve no Incuvi-Emprende unha oportunidade de ver se esa idea “é viable e pode sobrevivir no mercado actual”. Neste senso, destaca o positivo dun programa que lle vai permitir “aprender a ver o mundo laboral desde outra perspectiva e, sobre todo, aprender como se xestiona un negocio”, tendo o apoio de “persoas especializadas e con experiencia”, o que, sinala, “é un luxo”.