DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pontevedra acolleu neste 2019 o tradicional concerto da institución académica

A Universidade recibe o Nadal con músicas de diferentes épocas e estilos

A actuación correu a cargo da Orquestra Sinfónica Vigo 430 e o trompetista Rubén Simeó

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/12/2019

Ópera, música brasileira, zarzuela e ata unha composición dedicada a estas datas de Nadal. Músicas de diferentes épocas e xéneros compartiron espazo no repertorio que a Orquestra Sinfónica Vigo 430 despregou na noite deste mércores no Pazo da Cultura de Pontevedra, no tradicional Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, que neste 2019 trasladou a súa celebración a esta cidade. Baixo a dirección de Javier Alonso, 46 músicos protagonizaron un espectáculo que contou coa participación do reputado trompetista vigués Rubén Simeó como solista e que reuniu varios centos de persoas no auditorio do Pazo da Cultura.

Entre as actividades recollidas no convenio de colaboración que a Universidade asinou o pasado ano coa Orquestra Vigo 430 figuraba a celebración deste Concerto de Nadal, que durante tres anos iría rotando a súa sede entre os diferentes campus da institución académica. Así, tralo concerto celebrado en 2018 en Vigo, chegou a quenda de Pontevedra, sede este mércores do tradicional concerto que busca cada ano promover a unión da comunidade universitaria nas datas previas ao Nadal. Organizado desde a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria xunto coa Vicerreitoría do campus, o evento contou coa asistencia do reitor, Manuel Reigosa, e de gran parte do equipo de goberno da Universidade, xunto coas concelleiras de Promoción Económica, Turismo e Universidade, Yoya Blanco, e de Benestar Social e Igualdade, Paloma Castro; ou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Un percorrido musical coa trompeta como protagonista

Estreado o pasado sábado, no concerto organizado polo Concello de Vigo que a Orquestra Sinfónica Vigo 430 ofreceu no Auditorio Mar de Vigo, o repertorio desta actuación foi definido por Alonso, violoncelista e director da Banda de Música do Rosal, e o propio Rubén Siméo. Con só 12 anos, Simeó gravou o seu primeiro disco e actuou como solista no Concerto de Nadal da Orquestra Sinfónica de RTVE, no Auditorio Nacional de Madrid, iniciando así a súa traxectoria como concertista internacional, que o levou a participar en actuacións por todo o mundo. 

Simeó foi un dos protagonistas dun concerto con arranxos de Andrés Álvarez, que arrincou cun extracto da ópera Gazza ladra, de Gioachino Rossini, para continuar logo co Concerto nº2 do compositor cubano Arturo Sandoval. A primeira parte da actuación completouse coa interpretación de Lela, a canción na que Rosendo Mato puxo música aos versos de Castelao. O segundo bloque abriuse coa interpretación de Carnaval de Venecia, do director de orquestra e trompetista Jean Baptiste Arban, tralo que chegou a quenda da canción brasileira Tico Tico, de Zequinha de Abreu, e o momento de achegarse ao xénero da zarzuela, a través de La boda de Luis Alonso, de Gerónimo Giménez. Nesta escolma de populares pezas de diferentes estilos houbo lugar tamén para My way, a canción de Claude Francois que popularizou Frank Sinatra, que se viu sucedida por unha peza propia destas datas, Navidad en trompeta, do compositor costarriqueño Víctor Hugo Berrocal, pechando o concerto a interpretación de La Virgen de la Macarena, de Charles Kofe. 

Impulsado no ano 2005, o proxecto Vigo 430 tiña como obxectivo inicial crear unha agrupación musical de calidade, formada na súa maior parte polas novas xeracións de músicos saídos dos conservatorios galegos. Nos seus comezos, o seu traballo centrouse na creación dun núcleo de orquestra de corda que, a partir do 2010 e co apoio do Concello de Vigo, sería o xerme da Orquestra Sinfónica coa que a Universidade deu esta noite a benvida ao Nadal.