DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade recoñece a Enxeñería sen Fronteiras e Os Ninguéns co I Premio Consello Social UVigo-Humana

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Premios
  • Institucional
D. Besadío / M. Del Río DUVI 18/10/2019

Pola súa contribución a crear un mundo máis comprometido, solidario e xusto, a Universidade de Vigo recoñeceu este venres á Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia e ao Foro socioeducativo Os Ninguéns co I Premio Consello Social UVigo-Humana, unha proposta nova no Sistema Universitario de Galicia co que a institución académica viguesa e o seu Consello Social pretenden reforzar a función social da universidade pública. A entrega de premios, celebrada na sala 1 do edificio Miralles e que estivo presidida polo reitor, Manuel Reigosa, foi o broche de ouro á celebración no campus da Semana da Axenda 2030, tres días de relatorios, charlas, obradoiros e múltiples actividades culturais, incluído un concerto solidario, cos que se buscou sensibilizar á comunidade universitaria, especialmente ao alumnado, sobre a importancia de situar o desenvolvemento sostible, e o que isto implica na protección do planeta e na procura de sociedades máis xustas e inclusivas, no centro da axenda, tanto individual como colectiva.

José María Vara: “Outro mundo é posible”

Convocado en dúas categorías, internacional e galega, o primeiro en recoller o galardón foi José María Vara, fundador da Asociación Enxeñería Sen Fronteiras. En verbas do xurado, “polo seu especial vencello coa Universidade de Vigo, onde estudou Enxeñaría de Telecomunicacións e fundou hai 26 anos xunto a outros compañeiras e compañeiros a ONG Enxeñería Sen Fronteiras, referente á cooperación e ao desenvolvemento no noso país, a comisión considera que persoas como José María Vara son un modelo de referencia e dende a Universidade para o conxunto da sociedade”, leu a condutora do acto, a actriz Bea Campos, antes de pasarlle a palabra ao premiado, quen, ao recoller o galardón recordou a todas as persoas que ao longo destes 26 anos pasaron por esta organización e que supoñen xa arredor de medio milleiro, así como a todas aquelas coas que traballaron en Honduras, Nicaragua, nos campos de refuxiados saharauís, en Guatemala ou Albania. “Un recordo para todos e cada unha delas, pois ao final todos xuntos, desde diferentes lugares do mundo, traballamos para conseguir un mundo máis xusto”, salientou emocionado Vara, quen lembrou eses primeiros anos cando crearon a asociación “coa idea de cambiar o mundo desde a nosa perspectiva de persoas que estudiaron unha carreira técnica” e como, co paso dos anos, si conseguiron algunhas cousas, sobre todo, “darnos conta que outro mundo é posible e, ademais, é posible con sorrisos e con apertas”. 

Antón Bouzas: “Temos a educación como unha base fundamental”

No ámbito galego, o premio foi para o Foro socioeducativo Os ninguéns, polo seu traballo a pé de rúa, un traballo co que se contribúe a visibilizar a realidade das persoas máis empobrecidas, vulnerables e excluídas. Á hora de concederlle o premio a comisión tamén valorou o activismo transformador e asembleario dos Ninguéns no ámbito sociopolítico  exercido por un grupo variado de profesionais que, xunto á cidadanía, traballa coas persoas empobrecidas nun plano de igualdade e denuncia da súa situación e sempre na busca de solucións. Recolleu o premio o seu responsable, Antón Bouzas, quen explicou que tomaron o seu nome do relato Los nadies, do escritor uruguaio Eduardo Galeano, de quen tamén lembrou unha frase que, segundo indicou, os representa claramente “moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo”. “Somos un grupo sociopolítico que temos a educación como unha base fundamental, pola importancia que pensamos debe ter o coñecemento e a investigación para transformar a sociedade porque sen estes recursos intelectuais e académicos non se pode conseguir esa transformación que nós buscamos”, salientou Bouzas.

Seis premios  para os mellores TFG/TFM en Axenda 2030

No marco deste acto tamén se procedeu á entrega dos premios aos mellores traballos fin de grao e traballos fin de mestrado que achegan coñecemento no eido da Axenda 2030, a cooperación ao desenvolvemento e a responsabilidade social. Os galardóns foron neste caso para Carlota Cobas (na categoría Arte e Humanidades), Marta Barral (Ciencias e Ciencias da Saúde), Gabriel Alejandro González e María Márquez (Ciencias Sociais e Xurídicas) e Manuel Vázquez e Manuel Casal (Enxeñaría e Arquitectura).

As persoas galardoadas recolleron os premios das mans do reitor, Manuel Reigosa e da integrante da comisión executiva do Consello Social Natalia Zunzunegui, que escusou a ausencia do presidente do consello, Ernesto Pedrosa, fóra de Galicia este venres por motivos laborais. Ambos destacaron a necesidade de buscar e traballar para conseguir un desenvolvemento sostible para todas e todos e que non exclúa a ninguén. “Estamos a recoñecer dous exemplos de bo facer, de xente que está comprometida por facer un mundo mellor”, salientou o reitor, quen deu os parabéns aos premiados por “facer política de verdade e buscar un mundo mellor” e quen agradeceu tamén o labor do alumnado que, “dende xa” se preocupa por incluír as liñas mestras da Axenda 2030 no seus traballos.

Coloquio sobre cambio climático, obradoiros, proxeccións...

A xornada deste venres, coa que se puxo fin á Semana da Axenda 2030 e que tivo como tema central a crise climática, arrancou cun coloquio co catedrático de Economía, Xavier Labandeira; a responsable do grupo Future Oceans Lab, Elena Ojea, e o representante de Extinction Rebellion Vigo, Artai Fontaíña.

Tras a entrega dos premios desenvolvéronse unha serie de obradoiros con ONGs, incluíndo a proxección do documental Anote’s Ark, que deu paso a un coloquio coa Campaña Impórtanos e Friday x Future sobre as consecuencias da suba do nivel do mar no arquipélago de Kiribati. Posteriormente, foi a quenda de Amigos da Terra, que ofreceu un taller sobre os impactos ambientais e sociais do modo de vida e alternativas para reducir residuos. A xornada pechouse coa presentación do libro Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais, da man da Asociación Proxecto Batefogo e a Editorial Catro Ventos. 

Éxito de público no concerto solidario de Juancho Marqués

Na tarde de onte xoves o campus acolleu tamén a representación teatral da obra Contamos todas, da compañía Tropa de Trapo e o concerto benéfico a  prol de Enxeñería Sen Fronteiras no que o rapeiro Juancho Marqués conseguiu encher o Teatro Vidal Bolaño de Cidade Universitaria. Cada asistente doou un mínimo de 2 euros para o Programa de Promoción do Dereito Humano á Auga en Honduras.