DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de facilitar o labor docente durante o estado do alarma por mor do Covid-19

A Universidade reforza a súa oferta de teledocencia cun catálogo de salas virtuais en directo

Tras un período de probas, se prevé estes espazos on-line estarían totalmente operativos a próxima s

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • TIC
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 18/03/2020

“Antes de nada, quero amosar o meu maior agradecemento e orgullo polo traballo ímprobo que están a realizar todos os Servizos Informáticos da UVigo, desde Sistemas, co control e mantemento dos servidores no CPD (Centro e Procesos de Datos); SAUM (Sistemas de Atención ao Usuario); soporte e desenvolvemento de aplicacións (personal, contabilidade, nóminas, pedidos, contratación, etc), porque están a conseguir, entre todos, que medidante a conexión vía VPN-escritorio remoto ou aplicacións vía web, todos os servizos da Universidade poidan ser atendidos desde casa, permitindo a continuación do traballo e bo funcionamento da institución, dentro das limitacións impostas por esta situación”. Con estas palabras recoñece o vicerreitor de Planificiación e Sostibilidade, José Luis Miguéz, o labor de decenas de persoas que, desde que se decretou o estado de alarma por mor do coronavirus, están a facer posible que a institución manteña a súa actividade. 

A teledocencia é unha desas actividades, que ademais co gallo da situación que se está a vivir, se verá reforzada en próximos días coa posta en servizo dun catálogo de salas virtuais en directo. En setembro de 2003 nacía FaiTIC, o sistema de xestión da teledocencia na Universidade de Vigo, que permite, tanto a estudantes como a docentes, acceder aos contidos virtuais de materias e cursos. Desde a súa posta en marcha e ata a actualidade a evolución de Faitic foi exponencial, pasándose das preto de 500 materias no curso 2005-2006 ás máis de 3600 neste 2019-2020, contando ao longo destes anos coa participación de 4192 profesores e 97.547 estudantes. Transcorridos 16 anos e nestre intre, co obxectivo de facilitar o labor docente durante o estado de alarma por mor da COVID-19, a Universidade de Vigo vai reforzar, a partir da vindeira semana, a súa oferta de teledocencia cun catalogo de salas virtuais en directo.  

“É un enorme despregue dun sistema de videoconferencia persoal que ten a estrutura da Universidade e dentro da Universidade os centros, e o que estamos a facer é como un clon do mundo físico no mundo on-line para que os docentes poidan seguir coa súa actividade”, explica José Luis Míguez, que lembra que se comezou a traballar nesta iniciativa hai unhas semanas a proposta da coordinación de Campus Multimedia-UVigoTV, e ao abeiro do denominado Campus Remoto, que centraliza nun único punto as ferramentas de teledocencia da UVigo. Cunha conexión a internet, un ordenador, unha tablet e mesmo un teléfono móbil as e os profesores poden, a través destas aulas virtuais en directo, impartir docencia mediante videoconferencia e con funcionalidades adicionais que lles permiten poñer vídeos, compartir pantalla, amosar power-points ou usar encerados virtuais nos que debuxar. Pola súa banda, o alumnado ten a súa disposición un chat a través do que poden falar co profesorado, que será o que lles comunique a existencia das súas aulas virtuais.

Un traballo de coordinación coas direccións dos centros

Nestre intre xa se xeraron unhas 20 aulas virtuais por cada un dos centros dos tres campus da Universidade de Vigo, ademais de salas de reunións on-line, ás que o persoal docente da Uvigo pode acceder desde o seu domicilio. Cos equipos decanais das facultades e as direccións das escolas estes días se está a coordinar a posta en funcionamento das aulas virtuais, que nalgúns casos xa se están a probar, confirmando a súa operatividade. “O profesorado que queira dispor dun destes espazos virtuais, que reproduce a estrutura da universidade física e desde o que poderá facer, agora desde a casa e coas oportunas adaptacións o que antes facía nun espazo físico, ten que contactar coas direccións dos centros”, explica Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, que confirma que algúns docentes xa realizaron as súas solicitudes respectando os seus horarios de clase presenciais, garantindo así que non haxa coincidencias a esa hora con outros compañeiros.

Cómpre destacar que a EIDO, Escola Internacional Doutoramento, tamén disporá do seu espazo virtual, no que xa están programas as defensas virtuais de seis teses de doutoramento. Así mesmo, a sesión ordinaria do Consello de Goberno que se celebrará o vindeiro día 24, tamén empregará, para permitir a participación dos membros do órgano de goberno de xeito non presencial, estas salas.

A Universidade na nube

Usando os recursos dos que a Universidade de Vigo se dotou a través do proxecto de campus dixital de Campus do Mar, e que están situados dentro do CPD da Universidade, Campus Remoto permite unificar nun punto toda a docencia virtual da Universidade de Vigo, sumando a un recurso xa consolidado e moi empregado pola comunidade universitaria como é Faitic, as aulas virtuais nas que agora se está a traballar. “En Campus Remoto vive todo en internet, é unha web e aí hai un elemento consolidado como é Faitic, que é unha peza clave, e agora pretendemos facer unhas aulas, que son unha copia do mundo físico, mediante salas virtuais  para que o estudantado atope de xeito máis doado ao seu profesorado. É como un catálogo onde están os profesores, que están na casa, como os propios estudantes, que tamén están na casa. Esta é a universidade na nube, digamos”, explica Míguez.

Campus Remoto inclúe tamén o Foro de profesorado, un soporte técnico ás aulas en directo a modo de comunidade, na que o profesorado pode contactar para intercambiar experiencias, poñer dúbidas en común ou mesmo compartir tutorais do funcionamento da ferramenta.