DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través do acordo de colaboración asinado este venres na Vicerreitoría do campus 

A Universidade renova a súa colaboración coa Semana Galega de Filosofía

A civilización dixital será o eixo temático do evento que terá lugar do 13 ao 17 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Cultura
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/02/2020

Filosofía e Civilización Dixital será o título da XXXVII edición da Semana Galega de Filosofía, que se desenvolverá entre o 13 e o 17 de abril no Teatro Principal, e que contará un ano máis coa colaboración da Universidade de Vigo. O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e a presidenta da Aula Castelao, Ana Regueira, asinaron este venres o anexo ao acordo marco de colaboración que, desde 1996, a institución académica mantén coa organización da semana. 

“Esta colaboración mantense no tempo porque coincidimos con moitos dos obxectivos que pretende a Aula Castelao, como é a posta en valor do coñecemento, das ideas, do pensamento reflexivo e da capacidade crítica e de análise sobre aqueles aspectos e cuestións que a todos nos importan e preocupan”, salientou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, trala sinatura deste acordo que recolle tamén a organización, no marco desta semana, de dúas conferencias no campus. “Máis aló do que é o propio programa da semana, queremos tamén dalgunha forma que parte de todo ese coñecemento, de todo ese pensamento que vén a Pontevedra poida aproveitarse tamén por parte da comunidade universitaria”, salientou Soto, que incidiu nese senso en que un dos obxectivos deste acordo é “achegar a Semana Galega de Filosofía ao campus".

Regueira, pola súa banda, agradeceu o “compromiso” da institución académica con este evento, que ten entre os seus obxectivos “sacar a filosofía da academia para que forme parte un pouco de todo o mundo”, do mesmo xeito, lembrou, que o campus de Pontevedra “fai un esforzo especial por integrarse e por participar na cidade”, algo no que "coincide coa propia idea da Semana Galega de Filosofía". 

Como a tecnoloxía mudou ás persoas e colectivos

“Entendemos que existen unha serie de tecnoloxías que nos últimos 30 anos cambiaron realmente a estrutura da sociedade”, apuntou Regueira respecto dos motivos polos que a Semana Galega de Filosofía buscará neste 2020 por analizar de que modo as novas tecnoloxías “transformaron a vida das persoas e a propia sociedade e ata que punto nos están influíndo en todas as ordes". Os cambios que supuxeron “nas nosas formas de convivencia, na nosa economía e mesmo nas nosas formas de ocio”, serán nese senso algúns dos aspectos a abordar neste foro de debate, que presentará o seu programa nas próximas semanas, e que se completará, como apuntaron nesta xornada, coas actividades que a Aula Castelao promova xunto coa Vicerreitoría.