DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O persoal docente elixirá o 9 de maio preto de medio cento de representantes sindicais

A Universidade tamén terá a súa cita coas urnas no mes de maio

Entre Ourense, Pontevedra e Vigo están chamadas ás urnas un total de 1702 persoas

Etiquetas
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 23/04/2019

O persoal docente e investigador da Universidade de Vigo elixirá o 9 de maio os seus representantes sindicais para os vindeiros catro anos. En total están chamadas ás urnas 1702 persoas cuxos votos determinarán a nova composición da xunta de PDI funcionario e dos comités de empresa das provincias de Pontevedra e Ourense. A campaña electoral arranca este martes día 23 e prolongarase ata o 7 de maio, establecéndose o día 8 como xornada de reflexión.

En total elíxense 47 representantes sindicais

A xunta de PDI funcionario está composta por un total de 21 membros; o comité de empresa de PDI laboral de Pontevedra por 17, e o de Ourense por nove, conformando así un total de 47 representantes sindicais. No caso do PDI funcionario participarán neste proceso electoral un total de catro candidaturas: a Agrupación General de Profesores Titulares de Universidad, AGPTU, encabeza por María Vera Isasa, docente na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; a CIG, liderada por Aquilino Santiago Alonso, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deportes; UGT, por Arturo Parada, de Filoloxía e Tradución, e CCOO, por Rafael Durán, de Fisioterapia. 

No caso do PDI laboral, tanto de Pontevedra como de Ourense, hai catro candidaturas: CIG, CC OO, UGT e Asociados UVigo. No caso do comité de empresa de PDI Pontevedra  a candidatura da CIG está encabezada por Marta Pazos; UGT, por Begoña González de Prado; Asociados UVigo, por Óscar Ferreiro e CCOO, por Javier Lorenzo. No caso de Ourense, a candidatura de Asociados UVigo está encabezado por Antonio Presedo; CIG, por Pablo de Carlos; UGT, por Miguel Ramón Díaz, e CCOO por Ana Mª Torrado.

As urnas permanecerán abertas de 10.00 a 19.00 horas en diferentes facultades e escolas dos tres campus. Na web habilitada para as eleccións sindicais pode consultarse a localización de cada unha delas, así como os horarios e localizacións das mesas itinerantes –ás persoas que lle corresponde votar nestas mesas poderán facelo en calquera das sedes nas que se van instalar-.

Nas anteriores eleccións...

Nas anteriores eleccións sindicais do PDI, celebradas en xuño de 2015,  a Confederación Intersindical Galega, CIG, consolidouse como forza sindical maioritaria entre o persoal docente e investigador funcionario da Universidade de Vigo e Asociados UVigo, plataforma na que se agruparon os profesores e investigadores asociados, irrompeu con forza como formación máis votada entre os profesores e investigadores laborais. Así o decidiron naquel intre os 683 docentes e investigadores -dun total de 1640- que pasaron polas urnas para elixir os delegados e delegadas sindicais que os representaron nos últimos catro anos.