DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Terán lugar entre setembro e novembro repartidas entre os tres campus

A Universidade de Vigo concede 10.000 euros en axudas para a organización de actividades que poñan en valor a figura da muller

Once iniciativas que visbilizan a presenza feminina nas distintas áreas de coñecemento

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • A Universidade
DUVI 13/09/2019

A Universidade de Vigo está comprometida coa posta en valor e a difusión do traballo e da figura da muller nas distintas áreas de coñecemento, un dos eixos nos que se sustenta o traballo da institución no que se refire á igualdade. Neste contexto, a Unidade de Igualdade acaba de resolver unha convocatoria que destina 10.000 euros en concepto de axudas para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios. Foron 11 as propostas seleccionadas, entre as que hai exposicións, charlas, conferencias e obradoiros. Trátase de iniciativas orientadas tanto á comunidade universitaria como á sociedade en xeral que xurdiron baixo a premisa de concienciar sobre a necesidade da presenza feminina no ámbito laboral, universitario e investigador. 

Entre setembro e outubro no campus de Vigo

A maioría destas iniciativas desenvólvense neste comezo de curso, a primeira delas esta mesma semana, Mulleres economistas... sen límites, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Xa no mes de outubro, este mesmo centro acollerá unha xornada sobre o desenvolvemento do plan de igualdade nas empresas ao que se lle engade un encontro no que estas abordarán as súas actuacións en materia de igualdade de xénero. Tamén durante o mes de outubro terá lugar a Xornada sobre a ciencia dos materiais con perspectiva de xénero, un evento no que participarán catro científicas de renome e que terá lugar no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais entre o 21 e o 25 de outubro. Tamén nesta semana está prevista unha visita dos máis pequenos ás instalacións do Cinbio no marco do evento Un día no Cinbio. Rachando teitos de cristal, unha actividade que pretende achegar, visibilizar e sensibilizar sobre a presenza e o traballo da muller na ciencia dende as idades máis novas. Ademais, entre o 23 de outubro e o 7 de novembro, a Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá a exposición Interpretes Pioneiras (1900-1953): Tendendo Pontes, que pretende sensibilizar sobre a contribución da muller á creación da profesión de interprete. Para pechar o mes celebrarase a xornada A muller na enxeñaría de minas e enerxía. Unha mirada dende a experiencia persoal, unha serie de conferencias sobre as experiencias e problemas que se atopan as mulleres do ámbito da enxeñaría de minas e enerxía contado dende as experiencias persoais das protagonistas. Como complemento a estes relatorios, engadirase unha exposición permanente titulada O rincón morado da EME, un posto de información en materia de xénero no que se irán colocando diversas novas e investigacións relacionadas coa igualdade no ámbito da enxeñaría de minas.  

Por último, Women in Machine Learning & Data Science Galicia é unha iniciativa composta por dúas charlas, aínda sen datas confirmadas, que teñen por obxecto a promoción das mulleres que traballan, estudan ou están interesadas no campo do análise de datos, aprendizaxe automático ou intelixencia artificial. 

Pontevedra e Ourense tamén en prol da igualdade

O campus de Pontevedra acollerá as iniciativas en prol da igualdade ao longo do mes de novembro. Baixo o título Recuperando referentes. Directora sobre Directora, achegase á cidade do Lérez un curso de formación que, a través de relatorios de cineastas en activo do audiovisual galego, pretende recuperar a figura de diferentes realizadoras da historia da cinematografía. Durante este mesmo mes tamén terá lugar, na Escola de Enxeñaría Forestal,  A muller no mundo Forestal Galego, unha iniciativa composta por unhas xornadas e unha exposición fotográfica que pretenden visibilizar o traballo das mulleres neste ámbito, así como xerar un interese no apoio e compromiso cara á igualdade de xénero nesta rama do coñecemento.  

Por outra banda, o campus de Ourense xa acolleu, durante os meses de maio e xuño, dúas destas actividades, sendo a primeira delas as I Xornadas sobre feminización e Xustiza, unha actividade que xuntou a especialistas de universidades españolas e italianas e nas que se analizou a transformación da xustiza en clave feminina na procura da igualdade entre homes e mulleres. Tamén en Ourense tivo lugar Visibilización en positivo. Rachando o teito de cristal dende o deporte. Neste caso, a xornada xuntou a seis deportistas internacionais de alto nivel e de diversas modalidades co obxectivo de pór en valor o deporte feminino.