DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes das institucións mantiveron un encontro de traballo e asinaron un convenio 

Universidade de Vigo e Politécnico de Porto selan a súa colaboración nos ámbitos da docencia, investigación, calidade e boas prácticas 

“É unha grande oportunidade para ambos”, asegura Reigosa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Democracia
  • Igualdade
  • Visitas
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/05/2019

Con máis de 18.000 estudantes que cursan algunha das súas 57 licenciaturas, 70 mestrados e dous programas de doutoramento, o Instituto Politécnico de Porto é a quinta institución de ensino superior de Portugal en termos de dimensión e a cuarta máis demandada no país veciño. Preto de 22.000 persoas estudan, ensinan, investigan e traballan nos seus tres campus, onde se localizan as oito escolas, distribuídas en cinco cidades, que conforman este instituto politécnico portugués. O seu presidente, João Manuel Simões da Rocha e o seu pró-presidente de Internacionalización, José Carlos Quadrado, participaron este luns no campus vigués nun encontro de traballo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e unha representación do seu equipo de goberno, no que os responsables de ambas as dúas institución académicas evidenciaron a grande oportunidade que supón a colaboración das dúas entidades “chamadas a ser socios prioritarios, polo noso perfil e proximidade xeográfica”, asegurou o reitor vigués. Pola súa banda, o presidente do Instituto Politécnico de Porto incidiu na importancia de “ter proxectos comúns entre o Norte de Portugal e Galicia e acadar apoio para o desenvolvemento de proxectos”.

Precisamente os responsables das institucións académicas foron os encargados de asinar un convenio marco de colaboración, coa finalidade de desenvolver de xeito conxunto actividades e proxectos nos ámbitos da docencia, investigación, calidade e as boas prácticas. Trala sinatura do convenio, João Manuel Simões da Rocha e José Carlos Quadrado, mantiveron co reitor, e as vicerreitoras de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval; de Investigación, Belén Rubio; de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini; e os directores das áreas de Igualdade, Águeda Gómez e de Calidade, Joaquín Collazo, unha xornada de traballo centrada en aspectos como a calidade na avaliación dos centros, as estratexias de xestión na investigación, a igualdade de xénero, a xestión económica de pedidos e dietas, a organización de eventos sustentables ou a captación de alumnado internacional. 

“É un diálogo sobre cuestións que interesan a ambas institucións para intercambiar boas prácticas en cuestións como a captación de estudantado, cuestións de normativas comúns que se poden acordar para mellorar a igualdade de oportunidades en temas de xénero e tamén en cuestións de calidade das titulacións ou organización de eventos sostibles”, detalla Maribel Doval. Pola súa banda, Quadrado sinala que “pola nosa proximidade xeográfica temos unhas posibilidades de colaborar moi grandes. Estamos a hora e media e a idea é avanzar con esta aproximación entre as dúas institucións para manter un fluxo constante de persoas, pero tamén no ámbitos dos servizos, docencia e investigación”.

Un convenio marco que regula a colaboración entre ambas institucións

 Co obxectivo de realizar actividades e proxectos conxuntos en diferentes ámbitos, a Universidade de Vigo e Instituto Politécnico de Porto asinaron este mediodía un convenio marco de colaboración ao abeiro do que, por exemplo, se promoverá o intercambio de persoal de ambas as dúas institucións, en especial persoas que traballan en servizos relacionados coa internacionalización, tanto para mobilidade, como para proxectos internacionais. A consideración de parceiro prioritario para concorrer a convocatorias europeas no ámbito de programas como Erasmus+ e as súas accións, é outras das accións contempladas no convenio, que tamén permitirá incorporar alumnado de intercambio acollido nas dúas institucións no ámbito do programa Erasmus, nomeadamente no proxecto KA3 Social Eramus+, co obxectivo de promover actividades voluntariado. Incrementar a colaboración existente no ámbito da igualdade de xénero e da igualdade en xeral e o intercambio de información sobre boas prácticas no recrutamento e admisión de alumnado estranxeiro, son outras accións contempladas no convenio marco asinado este mediodía.