DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Soledad Penalta reflexiona sobre estes conceptos nunha mostra inaugurada na Sala Alterarte

Entre a utopía e antiutopía... “soñemos un pouco”

A exposición está comisariada polo crítico e historiador da arte Xabier Limia de Gardón

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI Ourense 08/02/2019

Desde este venres e ata o 12 de abril a Sala Alterarte do campus de Ourense acolle a exposición da artista Soledad Penalta Utopía ou distopía. Baixo o comisariado do crítico e historiador da arte Xabier Limia de Gardón, a escultora, co seu persoal estilo, suscita a reflexión sobre o presente e o futuro dunha sociedade marcada por temas como a hipertecnoloxía, a intelixencia artificial e o consumismo para reivindicar o individual e o diferente.  

Na inauguración da mostra celebrada este venres Xosé Manuel Buxán, director da Sala Alterarte, recalcoulle á artista e ao comisario como “estamos enormemente agradecidos pola vosa participación”. Nesta ocasión, apuntou, Alterarte acolle unha mostra non dunha ou dun artista emerxente, como soe ser máis habitual, senón dunha figura consolidada. “Estamos moi contentos de que Soledad Penalta forme parte xa da historia da nosa sala”, afirmou Xosé Manuel Buxán, salientando tamén a relevancia do traballo do comisario. Pola súa banda, Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, subliñou coma a mostra é “unha exposición pensada e creada para este espazo. É algo novo creado para nós e por iso teño que dar as grazas á artista”. No seu discurso, a vicerreitora puxo o aceno na importancia de reflexionar sobre a temática da mostra recalcando como “non hai nada máis fermoso que a diversidade e a diferenza e agardo que iso poidamos mantelo ata a fin dos tempos”.

Un mundo feliz

Considerando “utopía: tempo de espera” e “distopías: tempo de fin”, Soledad Penalta, recentemente nomeada membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia, agradeceu o convite a participar neste proxecto expositivo “xa que foi o pretexto para volver a entrar de novo na intensa preocupación existencial, matinando outra vez arredor dela”. Froito do tempo de concentración e meditación dedicado, dixo, o aceiro e o ferro empregado transfórmanse en formas manuscritas unhas e outras non. Nelas, dixo a creadora, plásmase o “sentimento galopante de desindividualización que hai na actualidade” e “a necesidade indispensable dun plan universal rescatador da singularidade e da individualidade” nunha sociedade “cada vez máis fascinada e ensimesmada con ese océano de felicidade que é o consumo”. De seguro, afirmou Penalta, “que as utopías ademais de ser guías son realizables e a distopía non deixa de ser unha utopía cunha advertencia dun camiño que non debe ser seguido”.  

Segundo explicou Xabier Limia, a reflexión de Soledad Penalta “xorde da súa sensibilidade e reflexión arredor da novela de Aldous K. Huxley Un mundo feliz, na que os individuos, creados polo estado en laboratorios especializados, son divididos en cinco castas. Esta acción é unha deshumanización por condicionamento xenético”. O comisario destacou na presentación como a mostra contén “unha proposta de arte completamente diferente, feita especificamente para esta sala desde un concepto contemporáneo de enorme actualidade desde o punto de vista da bioloxía, desde o punto de vista da vida” como é a pregunta de “se isto é unha utopía ou distopía”.

A exposición divídese en termos xerais en tres bloques. O primeiro está formado por estruturas metálicas de figuras siluetadas baleiras, de diferentes cores sostidas en soportes metálicos altos e que conforman coas súas bases un mosaico. A luz proxectada sobre elas provoca sombras na parede, xogando coa idea segundo explicou o comisario de que “hai algo máis, algo que latexa por debaixo”. No muro de enfronte hai un segundo bloque, formado por unha serie de estruturas tamén metálicas pero con superficie manuscrita con textos de diversa autoría que son interpretados como “repositorios” para ser inxerindo nos cranios que simulan as pezas do primeiro bloque. A terceira obra é unha estrutura de meirande tamaño na que casan unha peza de cada un dos bloques anteriores e que arranca co texto “Soñemos un pouco...”.