DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A convocatoria sairá en setembro e resolverase con posterioridade á do Ministerio 

A UVigo destinará o vindeiro curso 90.000 euros a bolsas para o seu alumando afectado polas consecuencias económicas da covid-19 

Poderá solicitala calquera estudante matriculado en calquera titulación ou curso 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Saúde
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 24/07/2020

O alumnado da UVigo afectado polas consecuencias económicas derivadas da covid-19 contará cara o vindeiro curso 2020-2021 cunha nova convocatoria de axudas, que se fará pública no mes de setembro, con posterioridade á do Ministerio, “xa que o alumando que teña dereito á bolsa MEFP, xa ten a matrícula gratuíta e así todo o orzamento da UVigo irá destinado directamente a alumnado que non ten posibilidade da axuda do Ministerio”, explica Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, que avanza que, “a idea destas axudas é que o alumando que ten menos recursos económicos teña igualdade de oportunidades, que é o que se pretende desde unha universidade pública”.

Esta nova convocatoria de bolsas da UVigo co obxectivo de paliar as consecuencias da covid-19 entre o estudantado, e que se suma á publicada o pasado mes de maio, está dirixida a estudantes matriculados durante o curso 20-21 en calquera curso de calquera titulación de grao, mestrado ou doutoramento que oferta a institución académica viguesa. 90.000 euros é orzamento destinado a estas axudas, “das máis elevadas, e porque non hai máis… Aínda que non sabemos cantos estudantes se presentarán e se nos quedaremos curtos o non, a contía é boa”, detalla Caparrini.

Novidades da convocatoria

Respecto da convocatoria de axudas do pasado mes de maio, estas novas bolsas introducen algunhas novidades. Así, ás condicións das primeiras axudas, que contemplaban que algún membro da unidade familiar se atopase nalgunha destas situacións: estar desempregado ou afectado por un Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) como consecuencia directa da covid-19; ser traballador/a por conta allea e ter reducido a xornada laboral por coidados como consecuencia directa da covid-19; ser traballador/a por conta propia e ter concedida a prestación extraordinaria por cese de actividade ser traballador/a do fogar e ter concedido o subsidio extraordinario por falta de actividade, nestas novas axudas engádese outra situación: a do alumnado que teña que devolver a bolsa do Ministerio do curso 19-20 (e que estean matriculados no 20-21) por no cumprir cos requisitos da mesma por causas derivadas da pandemia, como enfermidade do alumnado ou dalgún familiar directo. “Esta bolsa son axudas económicas provocadas pola covid e entendemos que esta situación axústase a esta axuda: unha situación económica mala, teñen que devolver a bolsa e por riba sumámoslle o tema da covid e polo tanto entendemos que se axusta totalmente”, sinala a vicerreitora. 

A outra novidade respecto da convocatoria de maio é que as axudas van dirixidas non só a estudantes que no momento da solicitude se atopaban nestas situacións, senón que o puidesen estar desde o estado de alarma, é dicir desde o 14 de marzo, porque “os efectos poden vir agora, aínda que se estivese nun Erte hai uns meses, pero as consecuencias estanse vendo agora e vanse seguir notando”, explica Caparrini.

A falta da resolución definitiva uns 200 estudantes beneficiaríanse das primeiras axudas convocadas o pasado mes de maio, unha convocatoria para a que se recibiron máis solicitudes, que non foron aceptadas por falta de documentación ou por incompatiblidade ao serlle concedida a axuda do Ministerio.