DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Naceu en 2017 na EE de Telecomunicación, pero buscan socios de todas as titulacións

A UVigo impulsa a súa propia asociación de debate universitario

Este xoves reuníronse co reitor e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/01/2020

Naceron en 2017 na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, pero este ano queren dar o salto ao conxunto de escolas e facultades da Universidade de Vigo, un reto para o que van contar co apoio do equipo de goberno, encabezado polo propio reitor Manuel Reigosa. Falamos da asociación de debate universitario Retórica, unha iniciativa encabezada pola estudante Candela Janeiro, principal cabeza visible dunha entidade que busca axudar ao alumnado universitario a mellorar a súa formación relacionada coa expresión oral e o pensamento crítico e fomentar a súa participación nas distintas competicións de debate, tanto internas como a nivel nacional e internacional.

Este xoves reuníronse co reitor, Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, que non dubidaron en darlles todo o seu apoio a esta iniciativa. “Desde a adaptación a Boloña hai moitas habilidades que son precisas para o desenvolvemento profesional e penso que neste caso é un reforzo moi interesante porque moitas das capacidades que se tratan nestas clases de debate son útiles para despois facer mellores traballos en equipo, para saber discutir sobre os temas e achegar solucións”, explicou Reigosa, quen loou o interese dunha iniciativa na que as e os estudantes adquiren “coñecementos prácticos e reais que son moi útiles, tanto agora na súa etapa como alumnos como despois cando xa sexan profesionais”.

O principal obxectivo da asociación é darse a coñecer e gañar socios

“Eu son debatente desde que estaba na ESO e cando cheguei á Universidade o primeiro que fixen foi preguntar se había unha sesión de debate e, como non había, decidimos creala”, explicou Janeiro, que fixo fincapé en que desde o primeiro intre contaron coa colaboración do director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Íñigo Cuíñas, e da Vicerreitoría de Alumnado. Na actualidade compoñen a asociación, sobre todo, alumnas e alumnos das tres escolas de enxeñaría do campus, pero polas súas clases teñen tamén pasado estudantes de Administración e Dirección de Empresas, Economía, Bioloxía ou Ciencias do Mar. “A día de hoxe formamos parte da asociación dez estudantes, pero chegamos a ser ata 30”, explica a coordinadora, quen lamentou que “polo de agora” a asociación aínda é unha iniciativa pouco coñecida entre o alumnado, polo que o seu principal obxectivo para este ano é dárse a coñecer e gañar novos membros. “Este ano somos menos xa que os alumnos de terceiro e cuarto de cursos pasados foron acabando as súas carreiras e este curso non entraron máis de dous membros novos, penso que por falta de coñecemento de que existe esta iniciativa”, recalcou Janeiro.

Sesións formativas semanais

“Cremos que a oratoria é unha habilidade fundamental que, como outras moitas, perfecciónase adestrando”, recalcou a coordinadora, ao tempo que salientou que desde a asociación se centran en dar formación teórica e práctica en oratoria baseándose nos dous modelos de debate consolidados en España: o modelo académico e o británico, coñecido como BP, British Parliament. Organizan sesións de formación semanais nas aulas da EE de Telecomunicación, ligas internas e debates de exposición e, ademais, todos os membros teñen a posibilidade de participar en torneos organizados por outros clubs.

Este ano as clases corren a cargo de Daniel Couto, secretario organizativo da asociación e campión de debate en formato académico a nivel autonómico e nacional. “Daniel leva na asociación desde que se empezou coa iniciativa e é debatente desde hai moitos anos”, explicou Janeiro, ao que engadiu que, tras formarse no outro modelo de debate, o British Parliament, participou tamén recentemente en torneos desta modalidade, caso, por exemplo, do I Torneo Vila de Verín.

O período de inscrición permanecerá aberto todo o curso

“Este ano gustaríanos que todos os alumnos soubesen que teñen a oportunidade de formarse en debate e oratoria e beneficiarse do que a habilidade de saber comunicarse, eficiente e eficazmente, te proporciona”, engadiu a coordinadora da asociación. “Cantos máis sexamos, máis e mellor imos aprender”, recalcou Janeiro.

As persoas interesadas en unirse a esta iniciativa poden contactar coa asociación a través das súas redes sociais ou do correo electrónico asociaciondebate@gmail.com. O período de inscrición permanecerá aberto todo o curso e o custe de inscrición sitúase entre os 30 e 40 euros, dependendo de si se quere asistir ou non a torneos universitarios.