DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha instrución da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado 

A UVigo regula o procedemento para adaptar as metodoloxías docentes e as probas de avaliación continua durante a crise do Covid-19 

Co obxectivo de que as guías docentes reflictan con fidelidade a actividade docente ata fin de curso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 31/03/2020

“Basicamente buscamos aclarar unha serie de dubidas que por parte do profesorado e do alumnado foron xurdido estes días respecto ao cambio na forma de impartir a docencia, que supón pasar á modalidade non presencial, e ao mesmo tempo ditar algunhas normas que ordenen un pouco estes cambios para que as disfuncións sexan as mínimas posibles”. Este é segundo Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, o obxectivo da instrución que o seu departamento acaba de facer pública e coa que, durante o período de peche de centros debido á COVID-19, se pretende garantir a continuidade da actividade académica e o cumprimento dos obxectivos docentes deste curso 2019-2020. A instrución, que será de aplicación a todas as materias e actividades docentes impartidas a UVigo este curso e que regula a actividade de todo o PDI que participe na docencia destas titulacións, organiza a docencia virtual, as guías docentes, as actividades de avaliación, as titorías e outras actividades académicas, como as prácticas en empresas ou as defensas de TFG e TFM e teses de doutoramento.

A novidade máis relevante que introduce a instrución é que regula o procedemento de modificación das guías docentes para adaptalas á nova situación, de tal forma que se fagan os axustes oportunos no referente a metodoloxías docentes e probas de avaliación continua. “É lóxico que se fagan estas adaptacións para que a guía reflicta con fidelidade a actividade docente ata o fin de curso” sinala Ramos, que tamén destaca que se incide na necesidade de coordinar as modificacións que se fagan, para que o reparto das tarefas a abordar polo alumnado no que resta de cuadrimestre e a carga docente sexa a adecuada e estea correctamente distribuída no tempo. Así, a instrución confirma que o PDI terá liberdade para elixir as ferramentas e metodoloxías que utilizará para impartir docencia das materias de xeito virtual, téndose en conta na súa adaptación que a carga total de traballo do alumnado debe ser a mesma que na docencia presencial (25 horas por crédito) e que o esforzo a dedicar a cada materia debe distribuírse temporalmente  ata a finalización do curso, de xeito similar a como estaba programado.

Ademais de recoller expresamente na súa redacción que o profesorado coordinador de cada materia poderá facer as adaptacións que considere oportunas na guía docente de común acordo co resto do profesorado da materia, a instrución tamén sinala que se poderán facer as adaptacións oportunas nas actividades de avaliación continua previstas, para adecualas á situación de non presencialidade. Así mesmo, apúntase ,que caso se sexa necesario, para a realización de exames finais en modalidade virtual, ditarase a oportuna resolución reitoral ao respecto.

No caso das prácticas en empresa, saídas de campo ou actos de defensa de teses, TFG ou TFM, a instrución sinala que deberán substituírse, de ser posible, por actividades equivalentes non presenciais e no caso de non ser posible, deberán aprazarse ata a recuperación da situación de actividade docente presencial habitual. Pola súa banda, para os practicum ou as prácticas clínicas ditaranse as correspondentes resolucións, unha vez se decidan as solucións oportunas no Sistema Universitario Galego e no conxunto de Estado.

Unha planificación axeitada que permita rematar o curso o 31 de agosto

Tras recoñecer expresamente a responsabilidade e compromiso da comunidade universitaria durante este proceso, “que che fai sentir orgulloso de pertencer á mesma, e que merece a pena o traballo que supón ocupar un posto de responsabilidade nestes momentos”, o vicerreitor confirma que ante a incerteza existente, cómpre ter en mente varios escenarios. “Na maioría dos centros as clases terminan sobre o 15 de maio. Aínda que as medidas de confinamento chegaran ata esas datas, entendemos que a actividade docente regular poderíase terminar na modalidade a distancia. Pero quedan por resolver moitos aspectos, máis dependentes de cando termine o confinamento, e que teremos que ir resolvendo, como é a posibilidade de facer exames finais non presenciais, que as prácticas en empresa se poidan facer no verán, as prácticas clínicas e nas escolas/institutos, necesarias para determinadas titulacións habilitantes, defensa de TFG/TFM,... En todos eles estamos traballando , en moitas delas en coordinación con Ministerio, Xunta e outras universidades”, explica o vicerreitor. 

Ramos sinala que, en todo caso, unha axeitada  planificación da solución que se dea a estas cuestións debería permitir rematar o curso o 31 de agosto ou con atrasos mínimos. “A idea é xogar coa data de fin de curso (31 de agosto) para planificar todo o pendente ata esa data. Así, por exemplo, algunhas prácticas en empresa poderían facerse en agosto, e se farían por tanto, dentro do curso actual, os exames poderían atrasarse sen superar esa data, ....Se é posible, reprogramaríamos todo de aquí ao 31 de agosto, para que estivera todo listo e avaliado a esa data”, explica o responsable e Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo.